Denuncian a perigosidade que xorde arredor dos edificios abandonados
Aseguran que son focos de sucidade e perigosidade
Esixen medidas para rematar cos esqueletos urbanísticos
"É un perigo. Aquí a unha señora caeulle enriba cemento", contan veciños do barrio dos Mallos.
Falan dun rechamante esqueleto urbanístico da praza Padre Rubinos, no cruzamento da Rolda de Outeiro coa avenida de Arteixo. Leva 14 anos abandonado. O da avenida de Fisterra, onde este luns apareceu un cadáver en avanzado estado de descomposición, leva ocupado de xeito ilegal desde o 2012.
"Unha estrutura que está sen acabar pode supoñer un perigo. Aí hai moitas cousas tiradas. Non hai paredes... e hai risco de caídas", afirman.
De feito, nese mesmo inmoble, unha noite de febreiro do ano pasado, unha ocupante ilegal que estaba a discutir coa súa parella precipitouse desde o segundo andar e sufriu un traumatismo grave tanto na cabeza coma no tórax.
"Valárono, pero os ocupantes ilegais seguen entrando. Tiñan que tiralo", sosteñen.
Foi o que pasou cun edificio abandonado do barrio do Martinete. Alí, os veciños levaban máis de 15 anos protestando pola venda de droga polo miúdo, roubos e pelexas. E no pasado novembro comezaron as obras de demolición da estrutura urbanística.
"Antes había ocupantes ilegais, a xente tiña medo... E agora estamos moito máis tranquilos", indican os veciños.
Unha tranquilidade que reclaman todos os que viven arredor de inmobles abandonados.