Denuncian case un cento de condutores por condución temeraria en polígonos de Pontevedra
A Garda Civil intensificou os controis nos polígonos da Reigosa e do Campiño, un clásico das quedadas de coches
Trompos, arrancadas e freadas que son un perigo para os traballadores da quenda de noite
Os afeccionados ás carreiras ilegais en polígonos de Pontevedra tiveron que botar o freo pola presión policial. Despois de anos facendo falcatruadas no polígono do Campiño, a Garda Civil denunciou un cento de condutores por condución temeraria e outro delitos.
A fin de semana deixa moitas secuelas, logo de horas de desenfreo ao volante.
"Fan arrancadas, queimarrodas, trompos. É un cóctel moi perigoso: vehículos de alta potencia, pouca experiencia na condución porque son rapaces moi novos e alcol e drogas", advirte Jorge García, sarxento primeiro da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra.
Levan uns 20 anos concentrándose alí, nos polígonos da Reigosa e do Campiño, sobre todo, os venres.
"Aquí veñen todos os venres os rapaces sen que haxa un reclamo. Noutros polígonos quedan por redes sociais e van a un ou a outro, dependendo da chamada", engade o sarxento García.
Fano por ocio, sen ter en conta o perigo para propios e alleos.
"Tes que ter máis coidado porque eles vanse cando nós chegamos. Avisámonos entre nós porque, claro, están aí facendo carreiras, rotondas, e non miran moito a velocidade", confirma Iris, traballadora da quenda de noite.
"Hai fábricas que están funcionando de noite, hai vehículos de traballadores estacionados, e entón é un problema de seguridade para os propios vehículos, como para camións que veñen descargar, e de seguridade peonil porque hai xente polas beirarrúas", lamenta Celeste Nieto, administradora dos polígonos da Reigosa e do Campiño.
Collen o volante convencidos do "eu controlo", pero controlan ás veces.
"Neste caso, como nos pasou a nós, rompéronnos o peche, a protección, e hai xente que pode ir nun coche ou coches aparcados nos que provocan rascaduras, ou no mobiliario do polígono e, cando é así, a xente marcha e non deixa nada para facerse cargo", confirma Ramiro Torrón, empresario do Polígono do Campiño.
Os empresarios están fartos, pola inseguridade nos que traballan de noite pero tamén polos danos que provocan. A Garda Civil intensificou os controis por aire, terra e mesmo...
"Controlamos as redes sociais", avisa o sarxento da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra.
Na operación Platillo, centrada nestes polígonos da Reigosa e do Campiño, a Garda Civil puxo un cento de denuncias por condución temeraria, velocidade excesiva, alcol e drogas, pero, aínda así, esta fin de semana repetiron.