Denegan o primeiro permiso a Alfonso Basterra, en prisión por asasinar a súa filla Asunta
A Audiencia de Salamanca xustifica a medida na "extrema gravidade do delito cometido, a distancia aínda significativa no cumprimento da condena e a falta absoluta de asunción de responsabilidade"
A Fiscalía recorrera o permiso penal concedido polo xuíz de Vixilancia Penintenciaria
Alfonso Basterra, no xuízo celebrado en 2015 (Europa Press)
A Audiencia de Salamanca estimou o recurso da Fiscalía e denegou o permiso penal de 4 días concedido polo xuíz de vixilancia penal a Alfonso Basterra, condenado a 18 anos de cárcere por asasinar á súa filla Asunta en Galicia en 2013.
"Hoxe por hoxe non concorren no penado as condicións mínimas exixibles para beneficiarse dun permiso ordinario de saída", segundo a Audiencia.
Precisa na súa resolución que ten en conta "a extrema gravidade do delito cometido (o asasinato da súa filla menor), a distancia aínda significativa no cumprimento da condena e a falta absoluta de asunción de responsabilidade derivada da negación persistente dos feitos".
A Sala deixa sen efecto o auto ditado o pasado 24 de marzo polo Xulgado de Vixilancia Penal de Castela e León número 5, con sede en Salamanca, que estimou a queixa do preso contra o acordo adoptado pola Xunta de Tratamento do Centro Penal de Topas na que cumpre condena, segundo unha información do Gabinete de Prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León recollida por Europa Press.
Para a Audiencia salmantina, a decisión de outorgar un permiso de saída ao preso, a pesar de a súa "boa conduta", "resulta prematura e inxustificada", motivo polo que debe "prevalecer o criterio técnico da Xunta de Tratamento, que por ampla maioría denegou a solicitude do interno".
A Fiscalía de Salamanca mostrou oposición á medida ao lembrar que o cumprimento das tres cuartas partes da condena non se producirá ata marzo de 2027 e o total en setembro de 2031. O fiscal xefe, Juan José Pereña, explicou no seu momento que a acusación pública rexeita o permiso debido a que o solicitante non mostrou evolución na asunción de culpabilidade, tal e como referiu o informe psicolóxico do centro.
Basterra permanece interno no cárcere de Salamanca desde febreiro de 2025, tras solicitar o seu traslado desde o centro de Teixeiro, na Coruña. O condenado, cuxa pena foi ratificada polo Tribunal Supremo, publicou recentemente desde prisión unha novela titulada Cito, mentres que a nai da menor, Rosario Porto, tamén condenada polos mesmos feitos, faleceu en novembro de 2020 na prisión de Brieva.