Decembro, camiño de ser o mes máis tráxico por violencia machista en 20 anos
Hai xa 10 casos confirmados, outros tres en investigación
O Goberno ordena á policía intensificar a protección das vítimas tras a repunta dos crimes machistas
É o último caso de violencia machista confirmado polo Ministerio de Igualdade, María Elena tiña 34 anos e ía dar a luz nuns días. Asasinouna a coiteladas a súa ex-parella díante dos seus fillos de 13 e 14 anos. Os médicos non puideron salvar o bebé. A vítima xa denunciara o agresor hai anos por malos tratos pero volvían convivir nesta casa de Escalona, Toledo.
"Dixeramoslle mil veces que o abandonara, que fixera o imposible, pero...", laiabase un familiar da muller.
"É un día de frustración unha vez máis por que non fumos quen de chegar a tempo para protexer a esta muller, a María Elena", aseguraba o delegado do Goberno en Castela A Mancha na concentración en repulsa polo crime.
Unhas horas despois confirmabase o asasinato en Puente de Vallecas, Madrid, dunha moza de 20 anos a mans da exparella da súa nai coa que segundo fontes policiais mantiña unha relación.
"Tiña varias lesións por arma branca no torax", confirmaba a voceira do servizo de emerxencias.
O presunto asasino, que intentou suicidarse, tiña unha orde de afastamento da vítima mortal e da súa nai.
E en Benidorm detiveron un home de 22 anos despois de que a súa parella, da mesma idade, se precipitara desde o sexto andar do edificio. Pouco antes os veciños chamaran á policía alertados por unha forte discusión entre eles.
De confirmarse os casos de Madrid e Benidorm e outro en investigación en Soria, serían 13 as mulleres asasinadas pola súa parellas ou ex-parellas en decembro, o mes con máis vítimas mortais por machismo en vinte anos. No que vai de ano foron asasinadas en España 48 mulleres, 1.181 desde 2003.
Se se confirman estes dous casos, en decembro contabilizaríanse once mulleres mortas a mans de parellas ou exparellas, e sería o mes con máis feminicidios da serie histórica en España xunto a decembro de 2008, cando tamén se contabilizaron once casos.