Publicador de contidos

Publicador de contidos

Declaran en Cangas os detidos na Arousa relacionados coas narcolanchas

Declaran en Cangas os detidos na Arousa relacionados coas narcolanchas

A Garda Civil investiga a súa implicación nunha descarga de droga e na botadura frustrada dunha embarcación en Vilaboa

O Xulgado número 3 de Cangas dirixe a investigación que se orixinou en Vilaboa
G24.gal 17/06/2022 13:35

A primeira hora da mañá chegaban ao xulgado de Cangas. Son os dous últimos detidos na Illa e Vilanova de Arousa en relación con delitos de narcotráfico. Chegaban dende a comandancia de Pontevedra, onde estiveron detidos á espera de declarar pola súa presunta participación nun transporte de droga e pola súa relación coa frustrada botadura dunha narcolancha en Vilaboa. 

É o resultado de meses de investigación da Garda Civil despois de que detiveran o condutor dun camión e o seu acompañante cando non foron capaces de sacar unha embarcación do remolque dun camión. A Garda Civil cre que os dous detidos estaban aquela noite no lugar, pero que conseguiron fuxir nunha furgoneta branca. 

Desde a súa detención, os dous arousáns estiveron nas dependencias da  Comandancia da Garda Civil en Pontevedra para ser interrogados sobre a súa suposta participación nunha descarga en alta mar. 

A investigación está baixo secreto de sumario, por tratarse dunha peza separada que forma parte dunha máis ampla e vinculada co achado hai meses dunha narcolancha en Vilaboa. 

Os dous foron detidos nos seus propios domicilios. Os investigadores cren que forman parte dun grupo criminal que opera con narcolanchas para o transporte marítimo de droga. Nos dous domicilios, os axentes da Garda Civil incautáronse dalgúns obxectos para verificar pegadas que permitan determinar se son semellantes ás da planadora que non puideron botar o mar no porto de Santo Adrán de Cobres.

A embarcación foi transportada por estrada desde Verín por un veciño de Vilagarcía e outro de Torrelavega. Esperábanos no porto un grupo de persoas que se deron á fuga como consecuencia do estrondo durante a complexa manobra de botadura da embarcación.

As dificultades que se produciron ao baixala do tráiler alertaron aos veciños que deron aviso á Garda Civil que se presentaron no peirao, pero antes da súa chegada produciuse a fuxida das persoas que esperaban no lugar. 

Os testemuños dos veciños apuntaban á fuxida dunha furgoneta branca. Centraron a investigación na súa localización que veu dar nas detencións realizadas en Vilanova e a Illa. 

O condutor do tráiler e o seu compañeiro levan en prisión por esta causa desde febreiro. Aquela madrugada saldouse só coa detención dos dous transportistas da narcolancha, pero confirmouse a implicación dunha estrutura de apoio loxístico moito máis grande.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar