Debe eliminarse a luz ámbar intermitente dos semáforos?
Para algúns axuda á fluidez do tráfico, para outros é a culpable de moitos atropelos
"Que estea en vermello ou en verde porque en ámbar confunde", comenta un home na rúa. "Se está en ámbar para min préstase a confusión, a xente non sabe se cruzar ou non cruzar, sobre todo a xente maior", apunta unha señora.
As cores dos semáforos son motivo de polémica. Un informe dunha fundación británica cuestiona a idoneidade do ámbar intermitente, dos semáforos que nunca chegan a poñerse en verde, senón que quedan con eses intervalos laranxas advertindo dun posible risco. En toda Europa só hai esta sinalización en España. Ese informe cre que pode dar lugar a mensaxes confusas.
"Agora a ver que pasa, agora vermello, ámbar, non terá que estar en verde, en verde para que pasen a gusto, porque eu se vexo así vou mirando para os lados e ao mellor ao que está diante xa lle meto un chupinazo no coche", continúa o home mentres ve como se comporta o semáforo.
Para a DXT, o problema non é da luz, senón da actitude incívica tanto dos condutores coma dos péons. Consideran que hai que perseguir a quen incumpre, non eliminar a luz ámbar.
"O ámbar é moi necesario para a xestión do tráfico na cidade, porque é un elemento que axuda a garantir a fluidez dos vehículos nas nosas cidades", explica Jorge Ordás, subdirector xeral de Xestión da Mobilidade e Tecnoloxía da DXT.
Recoñecen en cambio que se poden xerar algunhas situacións de perigo en determinados casos. "En concreto cando temos unha estrada sen interseccións con múltiples carrís, ou unha estrada con xiro á dereita con múltiples carrís, o vehículo que vai á esquerda pode perder a visibilidade sobre o peón e nese caso en que o vehículo percibe un sinal ámbar intermitente e o peón percibe un sinal verde, esas mensaxes contraditorias poden dar lugar a que o peón cruce pensando que ten prioridade, o vehículo que vai pola esquerda non o ve e aí é onde se produce un deses atropelos", informa o subdirector.
Atropelos que provocaron entre os anos 2019 e 2020 82 mortos e máis de 500 feridos que tiveron que ser hospitalizados.