De Joseph a Kristin: Galicia mira aos ríos tras a sucesión de temporais
As choivas fanse notar nos encoros: Galicia Costa está ao 75,7% e Miño-Sil, ao 62,2%
As enormes cantidades de auga acumuladas nas últimas horas deixan os ríos galegos ao límite. Hai 12 baixo especial vixilancia polo nivel do seu caudal. Na Coruña son 5 os ríos que preocupan ao seu paso por concellos como Coirós, Vimianzo, Oroso ou A Pobra... e os da provincia de Pontevedra provocan incidencias en polo menos 9 concellos.
Os ríos monitoreados son o Mandeo en Coirós, o Anllóns en Cabana, o Río Grande en Vimianzo, o Tambre en Oroso, Santiago e Trazo; o Umia en Caldas e Cuntis; o Ribadumia en Cambados, o Lérez en Pontevedra, o Verdugo en Redondela, o Mera en Cambre e Culleredo, o Ladra en Vilalba, Begonte e Guitiriz; o Sil no Barco, Rubiá, Vilamartín e A Rúa e o Támega en Verín, Oímbra e Monterrei.
O río Umia rebordou ao seu paso polo concello de Ribadumia. Especialmente na zona de Cabanelas, asolagou terreos e as instalacións do Club Náutico O Muíño, onde xa viviran algo semellante o ano pasado. Nesta ocasión a auga tamén chegou a algunhas casas e empresas. A zona está entre as que foran avisadas do perigo de inundacións a través do sistema de protección civil ES-alert.
Pero non foi o único. Tambre, Sar, Xallas, Dubra... a maior parte dos ríos da fachada atlántica rebordaron por culpa da chuvia caída entre o luns e o martes. Tamén o Miñor, que causou problemas durante toda a noite en Gondomar, onde non estiveron tranquilos ata o mediodía do martes.
O Sar causou cortes de estradas en Padrón e Rois e deixou algunha vivenda temporalmente illada. O Tambre triplicou o seu caudal en só 24 horas á altura de Trazo e Ames. En Pontemaceira están afeitos ás enchentas dos invernos pero esta chegou ao límite.
Fóra da fachada atlántica, tamén na provincia de Ourense se produciron situacións complicadas en lugares como Baños de Molgas, onde rebordou o Arnoia.
Ademais de para o Arnoia había alertas para o Miño, o Sil e o Lima, os principàis ríos que pasan pola provincia.
As borrascas Ingrid e Joseph trouxeron tanta auga que poucos ríos quedaron sen sairen do seu leito. Non hai máis que ver como caía o Xallas ao mar na turística fervenza de Ézaro, no concello de Dumbría.
As choivas fanse notar nos encoros: Galicia Costa está ao 75,7% e Miño-Sil, ao 62,2%.
Galicia segue o mércores e o xoves baixo o efecto das borrascas
Galicia continuará este mércores e o xoves baixo os efectos de borrascas, e con alertas meteorolóxicas de nivel amarelo ou laranxa por ondada, vento forte e acumulacións de neve.
O litoral galgo tamén estará en alerta laranxa por ondada, e en aviso amarelo por ventos fortes nas Rías Baixas, Costa da Morte e Coruña Noroeste.
O xoves, a previsión é que as alerta por vento forte sexa amarela nas primeiras horas do día no conxunto de Galicia. O litoral tamén continuará con ondada potente, con aviso laranxa nalgunhas zonas.