O desbordamento do Umia asolaga aparcadoiros con coches e locais en Caldas de Reis
A situación está baixo control, malia que non lembran unhas inundacións así dende a grande enchente do 1985
O temporal deixou tamén complicacións en lugares como Portas
A borrasca Joseph deixou un regueiro de incidencias nas últimas horas en lugares como Caldas de Reis, onde algúns coches quedaron cubertos pola auga. A Garda Civil tivo que alertar algún condutor para que foran retirar o seu, pero xa non deu tempo.
A media mañá deste martes aínda había treboadas nun aparcadoiro de caravanas totalmente asolagado pola enchente do río Umia. Malia os avisos á poboación, varios coches quedaron cubertos pola auga. A situación está baixo control malia que non lembran unhas inundacións así dende a grande enchente do 1985.
A auga mesmo asolagou o almacén dun restaurante a carón do río Umia. A vista de paxaro apréciase a magnitude da enchente deste río.
Xornada moi complicada tamén en Portas, onde un condutor novo levou un bo susto e tivo que ser rescatado polos servizos de emerxencia ao quedar atrapado nunha pista preto do albergue de Briallos.
A primeira hora do martes tivo que ser pechada ao tráfico durante unhas horas a estrada a Caldas pola enchente do río Chaín. Danos tamén polo vento, que levou por diante dous tellados en Lantaño e Romai.