David Mella eloxia as novas incorporacións: "Son grandes fichaxes"
O teense atópase cada vez mellor despois de perder o treito final da última liga por un problema muscular
David Mella será un dos alicerces do novo proxecto do Deportivo. Malia a súa xuventude trátase dun xogador determinante. Así o demostrou o seu primeiro ano en Segunda División nos que asinou uns grandes números. 34 partidos xogados (32 como titular) e seis goles.
O treito final do campionato perdeuno por unha lesión muscular a finais de abril. Estivo case parado durante dous meses e nesta pretemporada custoulle coller o ritmo dos seus compañeiros. "Cada vez estoume atopando mellor", asegurou Mella á canle oficial do club. O interior galego considera que as incorporacións que fixo o Dépor "son grandes fichaxes que van sumar moito". Algún como Luismi Cruz vaille disputar a titularidade nese xogo de banda no que Mella, coa súa velocidade, é un especialista.
Este sábado haberá unha nova oportunidade de ver as súas evolucións -contra o Watford estivo media hora no campo- e comprobar esa mellora no aspecto físico.