David e o seu reto de dar a volta á Península Ibérica chegan a Galicia
David Giménez propúxose o reto de dar andando a volta á Península Ibérica pola costa
Recorrerá máis de 7.000 km nun período próximo a un ano
Está documentando todo a través das súas redes sociais (@elretodedavid)
Un ano e máis de 7.000 km. Son as contas de David Giménez, un rapaz de Salou de 31 anos que se propuxo dar a volta andando á toda a Península Ibérica pola costa.
"Fago unha media de 30 km cada día. Saín de Salou, marchei cara ao norte, cara a Irún, vin por toda a cordilleira, ata chegar a Galicia, e fareime todo Portugal, Andalucía e todo o mar Mediterráneo ata volver a casa", conta David Giménez.
E de onde xorde esta idea?
"A miña vida deu un xiro de 180 graos. Eu traballei no mundo da noite durante 12 anos e quixen abandonar ese mundo, polo que marchei o ano pasado vivir durante un ano a Australia. Aí comecei un reto de hábitos saudables e deime de conta que me encantaba a natureza e estar conectado comigo mesmo e co presente, e ocorréuseme unha idea: coñecer o meu propio país andando", comenta David.
De conseguilo, podería ser a primeira persoa, segundo os rexistros existentes, en facelo.
"Non está documentado alguén que dese a volta por toda a cordilleira da Península Ibérica, e quería facer algo histórico", asegura o 'influencer'.
Un reto moi complexo en todas as súas facetas, pero David argumenta que o máis difícil, entre outras cousas, é facelo en solitario.
"O máis duro do reto é a soidade, pero teño acampado en cada sitio... que quedas tolo. Acampei en casas abandonadas, en pobos abandonados dende 1960..., pero cando peor o paso é cando acampo nos cemiterios, porque escoito pasos pola noite e é cando me pregunto que fago alí", apunta David.
Agora ben, recalca que leva consigo todo o necesario para realizar unha viaxe deste estilo.
"Unha tenda de campaña, un fornelo para cociñar, comida, caixa de primeiros auxilios, colchón inchable, un saco de durmir...", enumera o de Salou.
Suma xa máis de 40.000 seguidores na súa conta de Instagram e apunta a que estes son claves para poder lograr o seu reto e que lle axudan en cousas tan básicas como darlle comida ou aloxamento.