Publicador de contidos

Publicador de contidos

O comité clínico reúnese este luns tras batérense marcas de casos activos

O comité clínico reúnese este luns tras batérense marcas de casos activos

O Sergas notifica a morte dun home de 62 anos no hospital de Pontevedra

Galicia rexistra 24.252 casos activos, o dato máis alto de toda a pandemia

Aumenta a presión nas UCI galegas con cinco persoas máis ingresadas

G24.gal 26/12/2021 09:55 Última actualización 20:30

As cifras de contaxios computadas durante o día do Nadal fixeron que Galicia rexistrara o dato máis alto de casos activos de toda a pandemia, con 24.252 persoas infectadas.

Supéranse así os números da vaga do inverno pasado, e nas últimas horas os contaxios volveron ser moi elevados, con 2.778 casos novos rexistrados só en 24 horas.

A situación sanitaria empeora nas unidades de coidados intensivos (UCI), onde hai 55 pacientes, cinco máis ca na xornada anterior. En planta permanecen ingresadas 219 persoas.

A Xunta convocou unha xuntanza do comité clínico para este luns, a partir das 18:00 horas. Segundo avanzou o conselleiro de Sanidade, a evolución da presión hospitalaria vai determinar a posta en marcha de novas restricións.

Esta semana, Alberto Núñez Feijóo formulou a posibilidade de acordar medidas para as festas de fin de ano e as cabalgatas, que poderían ser estáticas coma o ano pasado. Tamén falou da opción de establecer estadios, para actuar nos concellos con maior incidencia. 

Vigo e A Coruña

Ademais dos datos de Vigo, que segue sendo a zona de máis contaxios e máis presión hospitalaria, o resto de áreas tamén amosan o empeoramento acelerado da pandemia nos últimos días.

A da Coruña é a segunda en número de contaxios e aínda que descenderon con respecto ao día anterior, computou 417 casos novos.

Esta área, que durante as outras vagas da covid soportou sempre máis presión nos seus hospitais, ten nestes momentos 47 pacientes ingresados, 6 deles críticos.

Resto de áreas sanitarias

Pontevedra é, por detrás de Vigo, a que ten máis pacientes na UCI, 12. No último parte de contaxios computou 370 casos, os mesmos do día anterior.

Na área de Santiago os positivos novos descenderon ata os 398, e a situación hospitalaria é estable: hai 21 persoas ingresadas, 6 delas nas UCI.

En Lugo subiron os contaxios nas últimas horas e achéganse xa aos 300. Nos últimos días percíbese tamén un aumento de hospitalizacións e nas UCI hai 6 críticos.

En Ourense cae a cifra de contaxios. Hoxe é a área que menos casos notifica, 165, fronte aos 434 que computara o sábado.

Os seus hospitais aínda sofren a presión dos contaxios destas semanas anteriores. Quedan 48 persoas ingresadas, 12 delas en estado crítico. 

E Ferrol, que foi a área coa mellor evolución ata esta semana, rexistrou 198 contaxios no día de Nadal. De momento, a cifra de hospitalizados é a máis baixa, con 14, catro deles críticos. 

Falecementos

A cifra de vítimas mortais aumentou nas últimas horas cun falecemento no complexo hospitalario de Pontevedra (CHOP). O home, de 62 anos e diagnosticado coa covid, presentaba patoloxías previas. 

Durante este mes faleceron 71 persoas. Vigo, con 27 mortes notificadas, é a área que máis sumou. En total, durante toda a pandemia notificáronse 2.745 mortes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar