Daniel Sancho di que ten esperanzas de gañar a apelación tras dous anos en prisión
O español, fillo do actor Rodolfo Sancho, comparte cela con dez prisioneiros, dedica a maior parte do seu tempo a facer exercicio e a ler e mantén videochamadas semanais co seu pai e a súa nai

Daniel Sancho, condenado a cadea perpetua polo asasinato premeditado do colombiano Edwin Arrieta, dixo en declaracións á Axencia EFE que espera que co recurso á súa sentenza "se faga xustiza" e "se chegue á verdade", cando fai dous anos da súa detención na illa tailandesa de Phangan.
"Teño esperanzas de que se faga xustiza, de que se chegue á verdade. Que non só se me xulgue polas aparencias, como pasou na primeira sentenza", dixo este venres o español de 31 anos desde a prisión de máxima seguridade de Surat Thani (sur de Tailandia).
Sancho, que foi detido oficialmente o 5 de agosto de 2023 tras confesar o asasinato e despezamento de Arrieta, un crime cometido dous días antes, cumpre condena nesa prisión desde que foi sentenciado a cadea perpetua por un tribunal de Tailandia o 29 de agosto do ano pasado.
A defensa de Sancho, que recorreu a sentenza, sostén que a morte de Arrieta se debeu a un accidente froito dunha pelexa en que o condenado actuou en defensa propia, polo que rexeita a condena por asasinato premeditado.
O fillo do actor Rodolfo Sancho dixo este venres que se adaptou ás condicións da prisión, onde nestes momentos comparte cela con outros 10 presos, e que espera que se resolva xa o recurso á súa sentenza.
A defensa do español presentou o 26 o marzo un extenso recurso contra a sentenza no que ademais de apelar o ditame pedían a celebración dunha nova vista oral ou a repetición do xuízo en primeira instancia, tras a suposta aparición de novas probas e máis testemuñas.
Os representantes en España da familia de Arrieta, os letrados Juan Gonzalo Ospina e Beatriz Uriarte, dixeron aos medios o pasado xoves en Madrid que "non hai ningunha proba que avale a súa inocencia", e que dous anos despois do crime a familia está a vivir momentos "moi difíciles", dado que "seguen sen poder descansar en paz".
Sancho di que dedica a maior parte do seu tempo na prisión para facer exercicio e á lectura e mantén videochamadas semanais co seu pai e a súa nai, a analista de investimentos Silvia Bronchalo, quen o visitou en varias ocasións desde que foi condenado.
O español está nunha cela destinada aos presos estranxeiros e aos recentemente chegados, polo que non está tan masificada como outras do centro, que poden chegar a acoller unha trintena de reos.