Publicador de contidos

Publicador de contidos

Daniel López Acuña: "Hai que cortar a cadea de transmisión da varíola do mono"

Daniel López Acuña: "Hai que cortar a cadea de transmisión da varíola do mono"

O exdirectivo da OMS pensa que non debemos ir a unha vacinación masiva e inmunizar só os contactos estreitos

En España confirmáronse sete contaxios e hai casos sospeitosos en sete comunidades, un deles en Galicia

Os casos confirmados ou en investigación deben permanecer illados e os contactos usar máscara

G24.gal 21/05/2022 11:07 Última actualización 21/05/2022 11:36

O exdirector de acción sanitaria en situacións de crise da Organización Mundial da Saúde, Daniel López Acuña, analiza na Radio Galega os gromos detectados en España da varíola do mono, unha doenza considerada rara que afecta primariamente a simios, roedores e mascotas e que excepcionalmente pode dar o salto aos seres humanos.

Daniel López Acuña afirma que estamos ante unha enfermidade moi diferente á da Covid-19 pero pide non baixar a garda. Polo momento, o Ministerio de Sanidade confirmou sete contaxios e hai casos sospeitosos en sete comunidades, un deles en Galicia.

"Trátase dunha enfermidade que non é de alta severidade como a Covid pero é moi aparatosa, presenta erupcións por todo o corpo, febre e inflamación de ganglios e tras dúas ou tres semanas cede espontaneamente".

Matiza que non é unha enfermidade altamente contaxiosa nin que se transmita masivamente, como a Covid-19. O contaxio dáse na maior parte dos casos a través do intercambio de fluídos. En Madrid foi clausurada unha sauna identificada xa como o principal foco de contaxio desta doenza.

"O alto número de casos detectados en España obedece a que hai unha cadea de transmisión común. Danse varios casos en homes que practican sexo con homes nun sitio de concorrencia específica". 

Países con precariedade sanitaria

O epidemiólogo pon o foco no feito de que a enfermidade se dea simultaneamente en varios países diferentes, pero matiza que só naquelas zonas que se encontren en situación de precariedade sanitaria -como é o caso de moitos países de África- a doenza pode acadar un índice de letalidade do 10 %.

Para López Acuña é preciso atallar o problema de inmediato para cortar canto antes a cadea de transmisión. El non fala de pandemia senón de "micropandemia" e cre que deberían vacinarse contra varíola ós contactos estreitos.

Afirma que nas persoas maiores vacinadas nos anos 80 contra a varíola común, a capacidade de transmisión redúcese ata nun 75–80 %.

"Os países afectados deben manter a calma e non disparar unha alarma innecesaria na poboación, aínda que si unha alerta. Non debemos pensar en ir a procesos masivos de vacinación que non tería xustificación. A clave é cercar os gromos e aplicar a vacina contra a varíola ós contactos estreitos".

Daniel López Acuña, ex-directivo da OMS Daniel López Acuña, ex-directivo da OMS
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade