Publicador de contidos

Publicador de contidos

Levantan o confinamento dos nenos que pasaron a noite na estación de Manzaneda

Levantan o confinamento dos nenos que pasaron a noite na estación de Manzaneda

Os menores pasarán o día no parque acuático do Pereiro de Aguiar e despois serán levados á Coruña

Os participantes no campamento partiron en autobús esta mañá da estación de Manzaneda
G24.gal 13/08/2025 08:19 Última actualización 13/08/2025 09:38

Os nenos dun campamento que foron confinados, xunto aos monitores e o resto do persoal, na estación de montaña de Manzaneda para pasar alí a noite do martes ao mércores debido aos incendios puideron saír desas instalacións esta mañá.

Todos eles foron trasladados ao parque acuático do Pereiro de Aguiar, onde van realizar actividades e posteriormente trasladados á Coruña.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou de que os nenos chegarán sobre as 21 horas á cidade.

Aquelas familias que queiran recoller os seus fillos poderán facelo, mentres que o resto poderá continuar o campamento con normalidade ata o día 16 de agosto no Fogar de Santa Margarida.

A rexedora púxose en contacto con algunhas familias para trasladarlles tranquilidade e manifestou o seu "apoio aos equipos de extinción, ao persoal de Protección Civil, aos veciños afectados e aos alcaldes e alcaldesas de concellos que sofren incendios".

O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, informaba a medianoite de que o perigo para este campamento infantil xa pasara, polo que nenos e traballadores pasaron a noite por precaución no lugar antes de organizar a súa saída. Os nenos e monitores do campamento foran confinados por precaución na estación de montaña de Manzaneda.

Segundo explicaba alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, o lume atopábase nas inmediacións da entrada da estación. Os asistentes do campamento tivéronse que resgardar do lume nun dos apartamentos habilitados no lugar e no campo de fútbol, libre de fume. En concreto, trátase do segundo incendio orixinado en Chandrexa de Queixa, na parroquia de Parafita, cunha dimensión de 500 hectáreas xa este mércores.

Ata alí desprazáronse efectivos de Medio Rural e da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que desde a madrugada do martes colaboraban na extinción do grande incendio de Chandrexa. Interveñen tamén os Bombeiros de Manzaneda e a Brigada de Reforzo para Incendios Forestais (BRIF) de Laza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade