Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Mariña para totalmente contra o desmantelamento do sector industrial

A Mariña para totalmente contra o desmantelamento do sector industrial

Amplo seguimento do paro en todos os sectores da comarca

Burela acolle o acto central de protesta cunha manifestación multitudinaria

Manifestación en Burela na xornada de folga xeral na Mariña. Foto: EFE/Eliseo Trigo
G24.gal 17/11/2021 08:15 Última actualización 13:13

A comarca da Mariña saíu á rúa este mércores para reclamar "futuro" fronte á crise industrial que se visualiza nos conflitos de Alcoa e Vestas.

Nunha xornada de folga xeral en toda a comarca, o seguimento foi amplo e parou a actividade en polígonos, comercios, hostalería e colexios e institutos, entre outros centros de traballo. 

"Estamos quedando sen opcións. Necesitamos xa un plan industrial", aseguraba David Mariño, presidente do comité de empresa de Vestas.

Os sindicatos falan dun "éxito absoluto" da convocatoria, que, para o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, interprétase como "unha chamada de atención a todo o mundo", aínda que centra as súas demandas no Goberno central, polos efectos da transición enerxética e o elevado prezo da electricidade. Mesmos termos nos que se expresaba este mércores o outro vicepresidente da Xunta, Francisco Conde.

Piquete ás portas da factoría de Alcoa Piquete ás portas da factoría de Alcoa

Manifestación multitudinaria

A multitudinaria manifestación, este mediodía en Burela, serviu de "culminación" a "esta resposta masiva" dos veciños da Mariña, en palabras do responsable da CIG na comarca, Xorxe Caldeiro

Nela participaron representantes políticos como a líder do BNG, Ana Pontón, que reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lidere unha solución para a crise industrial desta zona. "Basta de fotos e de promesas incumpridas, a comarca precisa medidas concretas no DOG e no BOE, que para Alcoa pasan pola intervención pública con implicación do Goberno central e da Xunta porque hai 1.100 empregos directos en xogo", advertiu.

"Impulsemos dunha vez de forma decidida todas as administracións con competencias na materia unha solución a moi curto prazo", afirmaba o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pedía "non politizar o conflito", ao tempo que acusaba ao Goberno central de ser o causante do problema.

"A postura da Xunta quedou clara desde o principio. Creo que os sindicatos e os traballadores das empresas afectadas saben perfectamente onde está cada un", respondeu Alfonso Rueda a preguntas dos xornalistas sobre esta mobilización. "Esas empresas na Mariña funcionaban tan ben ata que todo isto púxose en cuestión e quen ten que mover ficha é o Goberno e non o está facendo", criticou. 

Pola súa banda, o responsable da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, chamaba a atención sobre un "absoluto éxito", con "todos os polígonos pechados, o comercio, hostalería e servizos todos tamén pechados e un seguimento moi importante nos centros educativos, especialmente nos de secundaria a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta a última hora". 

José Antonio Zan, presidente do comité de Alcoa, afirmou que eles levan xa case dous meses de folga indefinida e destacou que o seguimento nesta xornada en Alcoa está a ser máximo. Amosou o seu enfado coa ministra de Industria e dixo que queren que cumpra co prometido.

En particular, apoiron o paro dende o pequeno comercio e dende a hostalería, especialmente castigados pola crise sanitaria e que dependen en gran medida dos postos de traballo de Alcoa e de Vestas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade