Cuadruplícanse as hospitalizacións pediátricas nos Estados Unidos
Aumentan os ingresos no Reino Unido
Portugal prolonga as restricións ata o 14 de xaneiro
A medida que se intensifica a propagación da variante ómicron nos Estados Unidos, aumenta o número de menores hospitalizados. Durante a última semana, unha media de 672 nenos ingresados ao día, a cifra máis alta desde que comezou a pandemia.
A maioría das hospitalizacións pediátricas son de nenos que non están vacinados por teren menos de cinco anos, a franxa de idade a partir da cal están inmunizando no país, ou porque os seus pais se negaron a vacinalos.
Situación en Europa
Aquí en Europa, a variante ómicron está batendo récord de contaxios en moitos países que alongan as restricións para conter a propagación. Coma en Portugal, que as van manter ata o 14 de xaneiro, 4 días máis do previsto.
Obriga a situación sanitaria no país, que pasou de contabilizar 26.000 casos novos o día 4 a case 40.000 nas últimas horas. Así que, ata o venres que vén, seguirá sendo obrigatorio o teletraballo, o peche do ocio nocturno, o límite de ocupación dos comercios e presentar un test negativo en hoteis, restaurantes e para entrar ao país por vía aérea.
Mentres, no Reino Unido van de récord en récord. As autoridades do país notificaban nas últimas horas 180.000 contaxios e 231 falecidos, cifras, con todo, sensiblemente máis baixas que o mércores. Pero, pola contra, hai máis hospitalizados.
Nun só día aumentaron en 700. O total de ingresados por covid nestes momentos nos hospitais británicos achégase aos 18.000. E isto cando o Goberno de Boris Johnson acaba de eliminar a proba negativa para entrar no país. Os viaxeiros tampouco terán que illarse á súa chegada ata obter o resultado dunha PCR.
Así as cousas, cos contaxios á alza, sistemas sanitarios colapsados e gobernos desbordados, a Organización Mundial da Saúde advirte do risco de infravalorar a variante ómicron cualificándoa de leve. Di a OMS que os récords de contaxios seguramente non reflicten o verdadeiro alcance da actual onda, porque as cifras oficiais non están recollendo nos países os positivos autodiagnosticados nas súas casas.