Cruzarse cun condutor en sentido contrario, das situacións máis estresantes e graves ao volante
Son situacións que poden ter consecuencias moi graves; a recomendación, tanto para o infractor como para o que circula correctamente, é minorar a marcha e parar nun lugar seguro
Ao ano en España detéctanse unha media de 200 accidentes con condutores kamikazes
Circulou durante 20 minutos en sentido contrario pola A-54 ao seu paso por Lugo. Ocorreu o pasado 12 de xuño. É o último caso rexistrado en Galicia cun condutor kamikaze. Desta vez o incidente quedou nun susto, pero esta é unha das situacións máis graves que un pode vivir ao volante.
"Nun breve espazo de tempo tes que tomar decisións importantes e facer as manobras que eviten un sinistro viario", explica o tenente xefe do UNIS de Tráfico de Lugo, José Manuel López Santiso.
Ao ano en España rexístranse unha media de 200 accidentes con condutores kamikazes.
"Nese momento desexaría poder poñer a luz e ser de Tráfico", di unha muller; un home engade: "Pode ser un descoido, do GPS ou un tolo".
Ante unha situación así, hai que minorar a marcha e parar.
"Sinaliza e apártate, debemos desprazarnos ao lado dereito da calzada, porque é a zona máis segura para evitar a traxectoria do que ven en sentido contrario e esquivar unha posible colisión", engade o tenente Santiso.
A recomendación é a mesma para o infractor, non debe seguir a marcha e moito menos tratar de dar a volta.
"É limite porque ao mellor a min non me pasa nada pero leva por diante o que vén detrás", di un home.
Os descoidos acostuman estar detrás destes incidentes.
"Deixalo pasar e chamar a tráfico", di un home, e outro engade: "Esquívalo e ir atentos".
Circular en sentido contrario é unha infracción grave que pode ter consecuencias penais ou cunha sanción desde ata 500 euros e a perda de seis puntos do carné.