Courtois non evita a derrota do Real Madrid en Anfield (1-0)
O porteiro belga mantivo no partido ó equipo branco pero non foi suficiente para sacar algo positivo ante o Liverpool
Pouca presenza en ataque de Vinicius e Mbappe que pasaron case desapercibidos durante os noventa minutos
@realmadrid
Primeira derrota do Real Madrid na Champions League. Foi en Anfield ante o Liverpool nun partido onde o cadro inglés superou ó equipo branco no retorno de Xabi Alonso a Anfield.
Na primeira metade a igualada sen goles soamente se entende pola presenza de Thibaut Courtois na portería madrileña. O belga sacou o seu recurso de paradas e despexou todos os achegamentos con perigo do cadro "Red". O porteiro foi o gran protagonista do Real Madrid, salvador en ata tres boas ocasións do Liverpool. Dous de Szoboszlai e outra de Mac Allister. Entre medias o Liverpool quedou sen un penalti por mans de Tchouameni tras a revisión de VAR de Istvan Kovacs.
E no inicio da segunda metade seguiu o asedio inglés sobre a portería branca. Van Dijk, Ekitike e de novo Szoboszlai toparon co muro belga. Seguiu insistindo o Liverpool e acadaría o seu premio despois dunha falta lateral botada por Szoboislai que o arxentino Mcallister mandaría ó fondo das mallas cunha certeira cacholada. Tras o gol o Real Madrid buscou a igualada con máis corazón que fútbol. Mbappe tivo a mellor ocasión do equipo madrileño pero o seu disparo saíu lambendo o pau esquerdo da meta de Mamardashvilli. Primeira derrota do Real Madrid na Champions League e segunda da temporada para o equipo adestrado por Xabi Alonso.