Cortan a subministración de auga polas noites no concello de Trives polas obras no encoro
A medida afecta o núcleo de Trives, onde vive a maior parte da poboación do concello, e a aldea de San Fiz
Está previsto que as obras rematen antes do 11 de xullo

Restricións de auga en Trives. Un consumo excesivo unido ás obras no encoro de Guístolas levaron o Concello a establecer cortes nocturnos na subministración. Unha medida que se alongará, en principio, mentres non rematen os traballos.
Dende o Concello insisten na importancia dun uso responsable da auga.
Os cortes comezan ás once da noite e prolónganse ata as sete da mañá. Os máis afectados son os establecementos que traballan nese horario.
A medida afecta o núcleo de Trives, onde vive a maior parte da poboación do concello, e a aldea de San Fiz.
O depósito do que se abastecen énchese coa auga da serra pero o aumento de poboación durante o verán obriga a bombear dende o encoro de Guístolas, agora en obras. As elevadas temperaturas das últimas semanas dispararon o consumo.
É unha medida preventiva, din, xa que o encoro está en obras e non poden bombear.
Dende o Concello insisten ademais na importancia dun uso responsable da auga.
Está previsto que as obras rematen antes do 11 de xullo. Mentes, en principio, manterán as restricións.