Román Rodríguez aposta polo exame único na ABAU para evitar desigualdades entre comunidades
O conselleiro de educación, moi crítico coa reforma da ABAU do Goberno central
A nova proba de acceso á universidade proposta polo Goberno español non convence o conselleiro de Educación, xa que se centra na metodoloxía -que considera que non é tan importante- e pasa por alto a grande eiva do sistema: as diferencias nos exames entre comunidades.
Todos os mozos poden acceder a calquera universidade de España, porén podería haber exames máis doados nunha comunidade ca noutra. Román Rodríguez aposta polo exame único ou polo menos pola súa estandarización ou homoxeneización.
A unidade de criterio entre comunidades é esencial para Román Rodríguez que apuntou ademais que Galicia é a comunidade mellor situada no informe PISA no conxunto de variables que se analizan, malia que logo os resultados da ABAU sexan os menos bos.
O responsable da educación en Galicia considera que o Goberno central está a facer unha política totalmente errada non apostando polo esforzo e a calidade.
A reforma da ABAU foi presentada este mércores pola ministra Pilar Alegría e entrará en vigor o curso 26-27, aínda que o modelo de transición comezará xa o curso 23-24.