Segue desaparecido o home que caeu ao mar na Costa da Vela tras dous días de busca
A súa embarcación foi recuperada, pero polo momento non hai rastro do desaparecido, un veciño de Moaña de 42 anos
Efectivos de Protección Civil de Cangas, da Policía Local, de Salvamento Marítimo, da Garda Civil e do Servizo de Gardacostas continuaron rastrexando este domingo a Costa da Vela á procura do veciño de Moaña desaparecido o pasado venres.
Segundo unha testemuña, o home de 42 anos caeu ao mar dende a embarcación de recreo na que pescaba preto de Punta Couso. O mar estaba revolto e unha onda guindouno á auga. Dende entón, púxose en marcha un operativo de busca que, polo momento, non deu froitos.
A media mañá varias embarcacións privadas peiteaban a zona das illas Osas fronte a Punta Couso, moi preto do Pozo Negro onde caeu ao mar. Nesta zona tamén buscaron mergulladores particulares e do Grupo de Actividades Subacuáticas da Garda Civil que xa fixeron inmersións o sábado.
Busca complexa
A busca está a resultar moi complexa polas correntes que houbo desde o sinistro e porque estamos case en mar aberto.
Por aire, o helicóptero Cuco da Garda Civil e o Pesca 1 da Xunta rastrexaron toda a costa desde Cíes ata Cangas.
Por mar, traballaron a Salvamar Mirach e a patrulleira da Garda Civil Corvo Mariño, apoiados a última hora polos drons de AXEGA.
En terra, colaboraron preto dunha quincena de efectivos de Protección Civil de todo O Morrazo, xente voluntaria e axentes da Garda Civil.
Apoio emocional
As alcaldesas de Cangas e de Moaña puxeron ao dispor do operativo todos os seus medios e tamén están a brindar apoio emocional á familia.
Hai 50 anos houbo un accidente mortal na zona do Pozo Negro e o copo apareceu tres días despois en Nigrán.