Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conta atrás para a proba de acceso á Universidade antes do novo modelo de exame

Conta atrás para a proba de acceso á Universidade antes do novo modelo de exame

En Galicia case 12.800 mozos ultiman a súa preparación para a ABAU, que afrontan desde o martes 6 e durante tres xornadas

En toda España son uns 250.000 alumnos de segundo de bacharelato os que afrontan os exames, nalgunhas comunidades desde este luns

Estudantes galegos preparando a Abau nunha biblioteca en Galicia Estudantes galegos preparando a Abau nunha biblioteca en Galicia
G24.gal 04/06/2023 13:14

As bibliotecas galegas viven un ritmo frenético. As probas ordinarias de acceso á universidade, a Abau, terán lugar entre o 6 e o 8 de xuño aquí, e case 12.800 mozos de segundo de bacharelato deixan todo de lado para preparalas.

Uns 250.000 alumnos de segundo de bacharelato en toda España examinaranse desde este luns da proba de acceso á Universidade, a última "tradicional" antes de implantarse o novo modelo da reforma educativa de 2021 (Lomloe) e que supón un importante xiro no modo de aprender e, por tanto, de demostrar os coñecementos.

A proba supón o 40 % da nota para o acceso á universidade e a media de bacharelato representa o 60 % restante.

Esta convocatoria de 2023 será a última na que se mantén o formato dos tres últimos cursos, condicionados pola covid e o peche dos centros educativos, polo que dan máis facilidades ao alumnado, dado que pode elixir entre distintas opcións de preguntas.

A aprobación en 2021 da Lomloe, máis coñecida como a lei Celaá, obriga a un ensino moito máis competencial, o que implica máis reflexión e pensamento crítico e menos tirar de memoria. Unha das consecuencias é que o exame para entrar á Universidade tamén ten que aliñarse co novo tipo de ensino e de aprendizaxe.

De forma gradual, a lei Celaá obriga a introducir os cambios competenciais na Abau por primeira vez en 2024 ata a súa plena implementación en 2028.

Este 1 de xuño, Educación anunciou que paralizaba, pero non aprazaba, a aprobación do futuro real decreto da nova proba de acceso argumentando que é máis responsable deixalo en mans do Goberno que saia das urnas do 23 de xullo.

A tramitación do borrador de real decreto concluirase co seu envío ao Consello de Estado, pero non se enviará ao Consello de Ministros, previsto en xuño para que o profesorado e o alumnado coñecesen coa suficiente antelación o novo modelo do ano seguinte.

Cada proba dura 90 minutos cun descanso entre exames consecutivos de, polo menos, 30 minutos.

Os alumnos de Madrid, Murcia, Cantabria e A Rioxa serán os primeiros deste este luns que se examinarán durante tres xornadas. Os de Galicia, Asturias, Aragón, as Baleares, Navarra, Valencia e Estremadura afrontarán a Abau desde o martes ata o xoves. Os últimos en afrontar as probas serán os de Castela-A Mancha, desde o día 12, e pecharán os de Andalucía desde o 13 deste mes de xullo.

Desde o 3 de xullo haberá tamén quendas de tres xornadas para probas extraordinarias do acceso á Universidade nas diferentes comunidades. En Galicia serán o 11, 12 e 13 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade