Conta atrás en Xinzo de Limia para o comezo do Entroido o próximo 28 de xaneiro
Este será o primeiro ano sen ningunha restrición tras a pandemia
En Xinzo o Entroido está presente todo o ano en cada recuncho da vila. Nas paredes, nos comercios, mesmo na pel. Este ano arranca co petardazo o 28 de xaneiro
"Para esa noite temos previstas dúas charangas, a conta atrás coa música previa que temos aquí. O Entroido de Xinzo somos nós, xa o facemos nós, non nos fai falta moito", explica Adriana Jiménez, presidenta da Comisión do Entroido de Xinzo.
De feito do pouco imprescindible para a festa son os disfraces, por iso as modistas estes días non teñen tempo que perder.
"Eu xa empecei un pouquiño antes do Nadal, pero agora é unha tolemia, xa ves que está a tenda a tope. Todo disfraces, disfraces e máis disfraces", conta a modista Isabel Enríquez.
Tras o petardazo chega o domingo fareleiro. O primeiro dos cinco cos que Xinzo celebra o seu Entroido, declarado de interese turístico internacional. Un reloxo na praza Carlos Casares marca ao longo do ano canto queda para que comece o Entroido en Xinzo de Limia. Faltan 17 días para a súa festa con maiúsculas. Tan agardada como celebrada chegado o momento. Unha conta atrás que para algúns se fai mesmo algo longa de máis.
Este será o primeiro ano sen ningunha restrición tras a pandemia. Razón de máis, din, para celebralo en grande.
"A xente aquí ten moitas ganas xa, a metade do cerebro da maior parte da xente xa está pensando no Entroido todo o ano".
"Empezamos co petardazo agora a finais de xaneiro e xa a conta atrás para un mes de gozo e paixón polo Entroido".
A festa vaise prolongar ata finais do mes de febreiro. Din que o único que se precisa para gozar do Entroido é unha dose de bo humor, imaxinación e moitas ganas de pasalo ben.