Consumo abre expediente sancionador a unha nova aeroliña de baixo custo tras multar outras cinco
Como ocorreu neses cinco expedientes, este novo procedemento ábrese por prácticas que poderían ser consideradas abusivas, como cobrar pola equipaxe de man

O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 informou de que abriu un expediente sancionador a unha nova aeroliña de baixo custo por posibles prácticas abusivas, como cobrar pola equipaxe de man ou pola selección de asento para menores ou persoas dependentes.
Consumo non desvelou o nome da aeroliña en cuestión debido a que, segundo fontes do Ministerio, a lei non o permite ata que se asine a resolución final, nin tampouco a posible contía da multa coa que podería ser sancionada.
O prazo de instrución dos expedientes e a súa resolución en materia de consumo é de nove meses, salvo que haxa algunha interrupción motivada por algunha das circunstancias que prevé a normativa administrativa.
Trátase do sexto expediente deste tipo que se abre tras os que deron pé ás multas asinadas polo ministro Pablo Bustinduy o 22 de novembro de 2024, por un importe total de 179 millóns de euros, contra Ryanair, Vueling, Easyjet, Norwegian e Volotea.
A sanción máis elevada foi para Ryanair, con case 107,8 millóns de euros, seguida por Vueling, con 39,3 millóns, Easyjet, con 29,1 millóns, Norwegian, con 1,6 millóns e Volotea con preto de 1,2 millóns.
Como ocorreu nestes cinco expedientes, este novo procedemento ábrese por prácticas que poderían ser consideradas como abusivas conforme ao artigo 47.1 da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios.
Estas inclúen o pago dun suplemento polo transporte de equipaxe de man en cabina e pola reserva de asentos contiguos no caso de menores e persoas dependentes e dos seus acompañantes, e tamén por omisións enganosas de información e falta de claridade nos prezos publicados tanto na súa propia web como de terceiros, que dificultan a comparación de ofertas e a toma de decisión dos consumidores.
A apertura deste novo expediente prevé sancións que poden chegar a considerarse como infraccións graves, con multas de entre 10.001 e 100.000 euros cun máximo de catro a seis veces o beneficio ilícito obtido, e moi graves, en cuxo caso poderían ser de 100.001 a un millón ata un máximo de seis a oito veces o beneficio ilícito obtido.
Como nos casos anteriores, a base legal deste novo expediente sancionador fundaméntase nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) de 2014 (chamada Vueling).
Esta prohibe ás aeroliñas impoñer cargos adicionais por levar equipaxe de man, xa que o considera un elemento indispensable do transporte dos pasaxeiros, coa condición de que responda ás esixencias razoables relativas ao seu peso e dimensións e cumpra cos requisitos de seguridade aplicables.
Por outra banda, considera que, á diferenza dunha equipaxe facturada, a de man é da exclusiva responsabilidade do pasaxeiro e non implica custo ningún ligado á súa facturación, seguimento e almacenamento.
Esta sentenza foi, ademais, avalada polo Parlamento Europeo o 4 de outubro de 2023, coa aprobación dunha resolución para instar os Estados membros a garantiren o acatamento e respecto a este ditame xudicial.
O Goberno español foi o primeiro de Europa que impuxo sancións por este tipo de prácticas abusivas cando o 22 de novembro de 2024 Bustinduy asinou as ordes coas que se formalizaron as multas ás cinco compañías citadas, pechando así os expedientes abertos en xuño de 2023.
As ditas sancións, contra as que actualmente está presentado recurso ante a xustiza por parte das aeroliñas, inclúen a prohibición expresa de continuar coas prácticas sancionadas.
Con todo, o pasado 26 de xuño, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) suspendeu preventivamente, a pedimento de Ryanair e Norwegian, as sancións de Consumo, aínda que lles impuxo avais bancarios que chegan aos 110 millóns de euros, o cal se repetiu onte con Vueling.
Asemade, o pasado 5 de xuño, o Consello da Unión Europea, baixo presidencia polaca, fixou a súa posición sobre a proposta da CE para actualizar a normativa comunitaria sobre atrasos e cancelacións de voo e, dentro dela, incluíuse legalizar a cobranza da equipaxe de man, unha proposta que saíu adiante pola mínima.
Necesitábase unha maioría cualificada do 65 % e aprobouse co 65,57 % e o voto en contra de países como España, Alemaña, Estonia e Portugal e coa posición contraria de países como Francia.
Con todo, o 24 de xuño, a Comisión de Transportes do Parlamento Europeo votou por ampla maioría (38 votos a favor de 42) estandarizar as medidas dos vultos que se poidan levar en cabina, ratificando que a cobranza pola equipaxe de man é unha práctica ilegal.
Fontes de Consumo explicaron que, se no futuro cambiase a normativa, non tería unha afectación directa á tramitación nin á resolución vía xudicial dos expedientes actuais nin ao que se incoa agora, que se fan sobre a base da normativa vixente no momento no que se acreditaron os feitos.