Consellos para facer o test de antíxenos na casa
Cómpre tomar ben a mostra introducindo o hisopo dous centímetros nas fosas nasais
Se os contaxios son recentes pode haber falsos negativos
Recomendan que os asintomáticos fagan o test catro días despois do contacto de risco
É o obxecto máis desexado e escaso do Nadal... "Multiplicouse a demanda tanto que é imposible surtir as farmacias". "É imposible conseguir un, case como que toque a lotaría", din nunha botica compostelá.
Para os afortunados que teñan o test de antíxenos, o primeiro consello é ler ben as indicacións. Poden impoñer ao principio, pero son máis sinxelas do que parece. A farmacéutica, Elena Gallego Martínez, explica que "Hai que meter o hisopo no nariz uns dous centímetros, aguantar e rotalo cinco veces en cada fosa"
Para que os resultados sexan fiables, cómpre agardar entre 15 e 30 minutos. Se a mostra é positiva, aparecerán dúas raias que confirman a infección. Se é negativa, só veremos unha raia, que indica que non hai virus ou que aínda é cedo para sabelo. "Pode haber unha carga viral baixa no momento de tomar a mostra, que sexamos positivo en covid e que o test polo momento non o detecte", di Elena.
Por iso aconsellan que os asintomáticos fagan os antíxenos aos 4 días do contacto cun positivo. E piden que ninguén baixe a garda, con ou sen test, mantendo a ventilación e a distancia mesmo na cea máis familiar do ano.