Consellos para detectar e previr un golpe de calor
Os médicos recordan a importancia de hidratarse e non facer esforzos intensos
En España morren 1.300 persoas cada ano por golpes de calor
As temperaturas destes días son para caer desfalecidos. Pode soar a broma, pero sufrir un golpe de calor non é algo tan raro. De feito, en España morren cada ano 1.300 persoas por esta causa, segundo estimacións do Instituto Carlos III. Os expertos din que os grupos máis expostos son os nenos, os maiores e as persoas con enfermidades crónicas.
A vaga de calor está deixando en Galicia temperaturas por enriba dos 40 graos
Síntomas e recomendacións
Algúns dos síntomas dun golpe de calor son a sequidade, a dor de cabeza ou ter cambras. Raimundo Gulín, xefe de servizo do Centro de Saúde Vallé-Inclán de Ourense, sinala outros: "ter temperatura elevada acompañada dun cadro confusional. En ocasións, tamén inclúe alteracións neurolóxicas e cardiovasculares como taquicardias ou respiración rápida".
Os médicos afirman que con temperaturas tan altas hai que hidratarse, evitar a exposición prolongada ao sol e non facer exercicio físico intenso.
No caso de afrontar un golpe de calor hai algo fundamental: sacar o afectado do ambiente cálido e refrixeralo. "Se non se aborda rápido pode derivar en convulsións, nun estado de coma ou mesmo no falecemento", remata Raimundo Gulín.