Publicador de contidos

Publicador de contidos

Apróbase a segunda fase do plan de recuperación para mobilizar fondos e créditos europeos

Apróbase a segunda fase do plan de recuperación para mobilizar fondos e créditos europeos

O Executivo remitirá a Bruxelas este engadido para que as autoridades comunitarias autoricen o desembolso de máis de 90.000 millóns de euros

A vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros (EFE/Chema Moya)
G24.gal 06/06/2023 09:26 Última actualización 06/06/2023 14:50

O Consello de Ministros aprobou este martes a un engadido ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia para poder mobilizar 7.700 millóns de euros adicionais de transferencias e 84.000 millóns de euros en préstamos, aos que se unirán os case 2.600 millóns de euros do novo mecanismo REpowerEU

A finais de ano, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, xa expuxera un primeiro borrador desta addenda, na que o Executivo seguiu traballando co fin de aprobar a súa versión definitiva e formal este martes para remitila a Bruxelas antes de que se celebren as eleccións xerais o próximo 23 de xullo. Segundo o regulamento, o prazo máximo para remitir o engadido ao plan sería o 31 de agosto.

"A addenda vai proporcionar unha rede de seguridade para poder manter o impulso do investimento público e privado nos próximos anos", destacou Calviño.

O Goberno leva meses mantendo reunións coa Comisión Europea, os gobernos autonómicos, os grupos parlamentarios e os axentes sociais para a elaboración deste engadido.

"A data límite para solicitar os préstamos terminaba no mes de agosto e non era realista pensar que se puidese iniciar un traballo novo despois das eleccións por responsabilidade e por non poñer neste momento freo a todo o proceso que está en marcha", defendeu a vicepresidenta ante as críticas da oposición por aprobar a addenda antes das eleccións xerais.

Segundo Calviño, a execución do Plan de Recuperación xunto co engadido aprobado ese martes permitirá incrementar o nivel do produto interior bruto (PIB) ata 3 puntos porcentuais de media cada ano ata 2031. A vicepresidente insistía na boa marcha da economía española "que non se debe parar".

Tras a súa remisión a Bruxelas, a Comisión Europea ten dous meses, que poden ser ampliados un mes máis, para a aprobación da addenda, que terá que ser tamén validada polo Consello Ecofin.

Con estes recursos e as transferencias adicionais, o Goberno pretende concentrar os investimentos e reformas no impulso da industrialización e autonomía estratéxica nos ámbitos da enerxía, agroalimentario, industrial, tecnolóxico e dixital, reforzando os investimentos dos proxectos estratéxicos (Perte) xa aprobados e en marcha.

Destino dos fondos e os créditos

Os PERTE de enerxías renovables e hidróxeno verde, de dixitalización do ciclo da auga e do chip son os tres proxectos estratéxicos máis reforzados na addenda do plan de recuperación, con 4.000 millóns de euros máis en subvencións dun total de 7.650 millóns adicionais.

Os PERTE levan todas as transferencias directas adicionais, así como preto de 18.000 millóns en préstamos do total de 84.000 millóns que España poderá solicitar ata 2026.

Respecto a os préstamos procedentes da Comisión Europea, o ministerio insiste en que permitirán un financiamento sostible a un menor tipo de interese que a obtida polo Tesouro Público e maiores prazos de amortización.

Entre as novidades deses préstamos, destaca o Fondo de Resiliencia Autonómica (20.000 millóns de euros para o financiamento de proxectos de investimento sostible), cuxa xestión se fará en colaboración co Grupo do Banco Europeo de Investimentos (BEI).

Pola súa banda, as empresas dispoñerán de 22.500 millóns de euros de financiamento para a realización dos seus proxectos, especialmente en investimentos sostibles, a través dos diferentes fondos que xestionará o Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Dentro desta liña, o sector do turismo contará cun compartimento de 1.000 millóns de euros para a realización de proxectos que permitan un aforro no consumo de recursos e unha menor xeración de residuos.

O apoio ao tecido empresarial complétase co Fondo Next-Tech, cuxa dotación se amplía ata os 4.000 millóns de euros, para seguir facilitando apoio financeiro a empresas emerxentes españolas no sector tecnolóxico na súa fase de crecemento e promovendo o desenvolvemento da innovación e a dixitalización.

A addenda inclúe tamén un fondo de 4.000 millóns de euros en préstamos para impulsar a vivenda social e de alugueiro alcanzable, prometidos polo presidente do Goberno hai un mes.

Un segundo fondo incluído na addenda está dotado con 2.250 millóns de euros e pretende "financiar a bonificación fiscal dos investimentos de familias e empresas en transición enerxética", unhas deducións fiscais que no caso da rehabilitación de vivendas chegarán ata 2024.

Inclúense ademais tres fondos que reforzarán os mecanismos de cohesión social e crearase tamén o Fondo REDE, dotado con 3.000 millóns de euros, para preservar o emprego e recualificar aos traballadores de sectores en dificultades, explica o Ministerio de Economía. 

Críticas da Xunta

A Xunta de Galicia acusa o Goberno central de aprobar este engadido do plan de recuperación sen contar coas comunidades e en plena campaña electoral.

O vicepresidente económico galego, Francisco Conde, repróchalle ao executivo a falta de diálogo.

Di Conde que o Goberno actúa de costas ás comunidades autónomas, que "non coñecemos o proxecto e estamos nunha situación de indefensión".

"Sobre todo cando está en xogo", afirmaba o vicepresidente da Xunta, "cando está en xogo a recuperación e a consolidación do noso tecido produtivo dende o punto de vista deses retos de transformación sostible e dixital".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar