Rebaixan a cinco anos e medio a pena ao acusado de tirotear un veciño en Maceda
Un acordo coa Fiscalía permitiulle ao acusado ver rebaixada a pena por tentativa de homicidio e tenza ilícita de armas
O acusado recoñeceu os feitos na Audiencia Provincial de Ourense. Estaba acusado dun delito de tentativa de homicidio por dispararlle na porta da súa casa a un veciño de Maceda. Aconteceu en novembro do ano 2022 e daquela supuxo toda unha conmoción na vila. O acusado fuxiu, foi detido dous meses despois e mesmo pasou un tempo en prisión preventiva por estes feitos.
"Isto sucedeu nun momento da vida do meu cliente que levaba uns rumbos distintos completamente. Pódese dicir que é unha persoa completamente distinta hoxe que hai tres anos. Dáse de conta do que pasou e acepta recoñecer a súa culpa e asumir a súa responsabilidade", explicou o seu avogado.
A noite dos feitos a vítima recibiu tres disparos na porta da súa casa, un na meixela, outro no antebrazo e outro no abdome. Resultou ferido de gravidade e permaneceu semanas ingresado no hospital. A arma nunca apareceu.
No acordo ao que chegaron ambas partes, o acusado recoñece un delito de tentativa de homicidio e outro de tenza ilícita de armas, que supoñen en total cinco anos e medio de cadea. Impónselle ademais unha orde de afastamento da vítima de 500 metros e o pagamento dunha indemnización de 84.235 euros en concepto de responsabilidade civil.
A vítima abríralle a porta ao seu agresor, de feito ambos coñecíanse. Aludiron a unha débeda de dous mil euros como o motivo dunha disputa que rematou con seis disparos dentro da súa casa. Foi a rápida asistencia dos seus veciños aquela noite o que lle salvou a vida.