Confirmados once casos relacionados cunha cea de médicos da área de Santiago
Na comida participaron uns 120 médicos
Fontes sanitarias subliñaron que a dirección da área non tiña coñecemento deste evento
A área sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza confirmou que once profesionais sanitarios foron diagnosticados como positivos en covid–19. A orixe dos contaxios estaría vinculada cunha cea recente en que participaron uns 120 médicos residentes da área compostelá.
Ata o momento, ratificáronse un total de once casos positivos e ao longo desta mesma xornada realizouse un cribado a todos os participantes na cea, cuxos resultados se coñecerán este xoves. De feito, o cribado foi máis amplo, e a convocatoria lanzouse para máis de 300 especialistas en formación dos distintos servizos. O obxectivo é que o resultado da PCR permita determinar se hai máis contaxios de participantes nesa cea ou de contactos posteriores.
Fontes sanitarias subliñaron que a dirección da área non tiña coñecemento deste evento. De feito, lembraron que esta clase de ceas contraveñen as recomendacións dadas expresamente ao persoal dos servizos sanitarios no marco da pandemia e, en concreto, da tendencia que rexistra a Comunidade nas últimas semanas.
Tras constatar a existencia deste gromo, remitiuse un escrito aos xefes de servizo en que se insta a trataren cos seus equipos a necesidade de actuar con responsabilidade dada a situación e o propio papel de exemplo dos sanitarios, ademais de subliñar que o impacto, se a evolución da covid–19 é negativa, recaerá na sanidade.