Rueda: "A liña vermella é non pechar os centros de saúde"
O Consello da Xunta aproba unha nova oferta pública de emprego de 1.294 prazas para Sanidade, para estabilizar, sobre todo, o persoal de enfermaría
O Goberno galego tamén aprobou a creación de 136 postos de orientadores laborais que dependerán da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirma que o Sergas non vai pechar ningún centro de saúde pola falta de médicos. Na comparecencia de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego, Rueda asegurou que a Xunta vai seguir adiante co seu plan para construír novos ambulatorios.
Sobre a mesa da reunión da Xunta cos colexios médicos nunca estivo a proposta de pechar centros de saúde, segundo explicou o xefe do executivo autonómico. Aclara que do que falaron cos profesionais é acordar fórmulas para solucionar a escaseza de médicos en Atención Primaria.
"Había un liña vermella que era o non peche dos que hai. A partir de aí, nalgúns momentos haberá que priorizar, redistribuir puntualmente, etc. Esas son medidas que lle corresponde tomar á Xunta, pero co maior consenso", dixo Rueda.
O asunto que teñen máis avanzado nas negociacións cos médicos é do facilitarlles a compatibilidade coa actividade privada. "Hai profesionais que por esta incompatibilidade optan exclusivamente pola privada. Polo tanto, se se abre esta posibilidade de compatibilizalo é posible que haxa profesionais que fagan as dúas cousas e, polo tanto, estean tamén na pública", argumentou o presidente.
O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova oferta pública de emprego de 1.294 prazas para Sanidade, para estabilizar, sobre todo, o persoal de enfermaría.
ORIENTADORES LABORAIS
Na súa reunión semanal, o Goberno galego tamén aprobou a creación de 136 postos de orientadores laborais que dependerán da Xunta, e non dos concellos como os demais. Investirán 5 millóns de euros neste servizo propio e permanente. Rueda tamén anunciou que haberá un distrito único para a demanda de emprego.
A Xunta vai dedicar ademais case 28 millóns de euros na mellora das máis de mil paradas de bus que hai en Galicia. Actuarán sobre as marquesiñas que están nas estradas autonómicas. Ademais de melloras na construción, un dos obxectivos do plan é facelas accesibles para todos os usuarios e colocalas en lugares seguros, como rectas e zonas iluminadas.