Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta aproba un teito de gasto récord de 15.022 millóns, un 5,5 % máis

A Xunta aproba un teito de gasto récord de 15.022 millóns, un 5,5 % máis

O texto será remitido agora ao Parlamento para un debate canto antes, como paso previo á presentación dos orzamentos no mes de outubro

EFE/Xoán Rey
G24.gal 27/07/2026 10:28 Última actualización 27/07/2026 14:48

O Consello da Xunta aprobou este luns o teito de gasto non financeiro para o ano 2027, que alcanza os 15.022 millóns de euros, 782 millóns de euros máis, 5,5 % máis que este ano, anunciou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Corgos, que compareceu xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión ordinaria do Consello da Xunta, sinalou que deste xeito se superan por primeira vez os 15.000 millóns de euros e farano, explicou, sen fondos extraordinarios europeos, como nos últimos anos.

O texto será remitido agora ao Parlamento para un debate canto antes, esta semana ou a próxima, xa que en Galicia é preceptivo que este paso, o último antes de presentar os orzamentos no mes de outubro, sexa referendado na Cámara autonómica. 

Alén do teito de gasto, a Xunta actualizou o cadro macroeconómico para este ano 2026, de modo que elevou a previsión de crecemento da economía galega ao 2,1 %, dúas décimas máis que a anterior estimación; mentres que a estimación para o desemprego é acabar cun 8,1 %.

En calquera caso, trátase dunha previsión "prudente", xa que a Xunta non descarta que o dato finalmente sexa mellor; aínda que aludiu a "incertezas" tanto internas como externas para non facer unha proxección maior.

Para o ano 2027, o Goberno galego mantén unha estimación "prudente" de crecemento de 1,9 % e de paro do 7,7 %, por baixo xa do 8 % e "rozando mínimos históricos", sinalou Corgos.

O conselleiro asegurou que o próximo ano será o sétimo consecutivo no que a economía galega creza, período no que, ademais, o fixo máis que o conxunto da economía española.

Entre as incertezas externas, Corgos aludiu os aranceis e os conflitos bélicos que afectan o comercio internacional, un dos principais motores do crecemento da economía galega.

E sobre as ameazas internas citou "a inestabilidade" do Goberno central, "incapaz de facer as reformas necesarias" para que o país creza estruturalmente.

Corgos criticou a falta de novos orzamentos do Estado desde o ano 2023 e tamén aludiu ao rexeitamento do Congreso á senda fiscal marcada polo Goberno; unha senda que, ademais, é "incompatible" coa regra de gasto á que están sometidas as distintas administracións, explicou.

Na súa intervención afirmou que a Xunta reducirá "por cuarto ano consecutivo" o seu endebedamento neto e que este ano o cociente débeda sobre PIB se reducirá ata o 12,7 %, "tres anos antes" do previsto.

Rexeitamento á quitación da débeda e reclamación dun sistema de financiamento xusto

Na quenda de preguntas, o presidente galego aludiu tamén ao rexeitamento de Galicia a pedir a quitación da débeda aprobada polo Congreso, que ascendería a 4.010 millóns de euros.

Segundo Rueda, trátase de algo "máis complexo", xa que Galicia o que reclama é un sistema de financiamento xusto, porque non ten un problema de débeda, insistiu.

"O pouco que sabemos é que pasamos a ter menos do 3 % do financiamento co 6 % de poboación", sinalou o presidente galego sobre a proposta de financiamento do Goberno, que intenta que despois haxa "encontros bilaterais para que quen saia beneficiados non se teñan que sentar cos prexudicados", dixo.

Para o presidente galego a quita da débeda debería ir acompañada dun novo sistema de financiamento que satisfaga as necesidades de Galicia, porque a "condonación" deses 4.000 millóns de euros, que non estarán á disposición dos galegos para gastar, aclarou, implica "ter que asumir a mutualización" do conxunto de débeda do resto de comunidades, co que a nova débeda sería superior, explicou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos