Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta non pecha o partido contra o Málaga e acaba cedendo o empate (1-1)

O Celta non pecha o partido contra o Málaga e acaba cedendo o empate (1-1)

O equipo vigués adiantouse, e gozou de case todas as ocasións, pero non foi quen de facer o segundo

O Málaga aproveitou a que tivo para empatar cunha cabezada de Fer Niño nun córner

G24.gal 13/09/2026 15:59

O Celta segue sen gañar neste inicio ligueiro. Por segunda vez nos seus encontros como local adiantouse no marcador, e non foi quen de manter a vantaxe. Un empate final que sabe a moi pouco diante dun Málaga que marcou practicamente na única acción da que dispuxo.

O Málaga fíxose coa posesión do balón nos primeiros minutos, nos que o Celta non se atopaba cómodo. Pero os andaluces non aproveitaron este dominio para crear ningunha ocasión clara de gol. Aos poucos,o Celta foise sacudindo ese dominio visitante, e os primeiros remates foron celestes. Jutglá golpeou a portería, pero o balón saíu rexeitado aos 17 minutos. Despois, o dianteiro caía na área, pero o colexiado non apreciou nada. E, aos 24 minutos, unha conducción en diagonal de Carreira resolvíase cun gran disparo que parou Alfonso Herrero.

O Celta íase facendo co partido, e unha boa contra dos vigueses non foi ben resolta. Non chegou Jutglá, e o posterior remate de Hugo González parábao Herrero. Logo de senllos remates desviados de Ilaix e o propio Hugo González, volveu aparecer Jutglá para desatascar o partido cunha xogada persoal na frontal que resolveu cun gran disparo raso. 1-0 que plasmaba no marcador as ocasións dos celestes.

Na segunda metade volveu entrar algo mellor o Málaga, pero seguiuse o mesmo guión, e as primeiras ocasións foron do Celta. Levaron a signatura de Jutglá, Hugo González e Swedberg, que estivo a piques de aproveitar un erro defensivo no man a man.

Pasaban os minutos a o Málaga comezou a estirarse á busca do empate, pero so o intentaba con lanzamentos lonxanos. Un deles tivo que envialo a córner Radu. E dende o curruncho chegou o empate. Rematou sen oposición Fer Niño no minuto 83’.

Quedaba pouco tempo e o Celta víase unha vez máis na necesidade de buscar o tanto. Iago Aspas tivo a máis clara, cun remate picado desde dentro da área que a piques estivo de entrar pola escadra. No remate danouse o moañés, que acababa de entrar no campo. O Celta non foi quen de ampliar a vantaxe durante o partido e os seus últimos intentos esmoreceron. O cadro vigués segue sen gañar neste inicio de Liga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos