Galicia reabre a vacinación masiva o día 19 e estuda onde esixir o certificado covid
Galicia supera os 900 casos activos e aumentan as hospitalizacións
Feijóo di que se analiza pedir o pasaporte de vacinación nas visitas aos hospitais
A Xunta vai reabrir o próximo venres 19 de novembro os centros de vacinación masiva para inxectar a terceira dose á poboación de 70 a 79 anos e a segunda de reforzo aos que teñen a de Janssen (que recibirán o día 16 os internos nos cárceres).
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou tamén que mañá se reunirá o subcomité clínico de expertos que asesoran o goberno galego para analizar medidas que freen o aumento de contaxios, como esixir o certificado covid en determinados eventos ou instalacións.
"Unha das cousas máis maduras de acordo cos traballos preliminares do subcomité clínico é a posibilidade de pedir o certificado covid para o acceso dos visitantes aos hospitais ou participar nos programas de vacacións para maiores que financia a Xunta", dixo o presidente.
"Mesturar aperturas con prudencia"
O luns vaise celebrar unha reunión tamén de vinte expertos sanitarios que levan semanas deseñando o plan para a normalización da atención nos hospitais, que inclúe novos protocolos de visitas e acompañamento de pacientes, novas medidas antes das operacións ou eliminar os dobres circuítos para andar polos hospitais.
"Temos que ir mesturando aperturas con prudencia. Temos que ir recuperando asistencia sanitaria sabendo que imos convivir co virus moito tempo. De momento non hai tensión hospitalaria. Iso é constatable, pero tamén é certo que a medida que aumenten os casos hai máis probabilidades de aumento de ingresos hospitalarios", afirmou Feijóo.
Minuto a minuto
Comeza a conferencia de prensa
Feijóo: "Aínda queda o 6 % da poboación por vacinar".
Feijóo: "O 19 de novembro recuperamos as vacinacións masivas e iniciamos a terceira dose dos maiores de 70".
Feijóo: "Un de cada catro hospitalizados non están vacinados"
Feijóo: "Mañá reuniremos o subcomité clínico para analizar a situación e determinar se é preciso adoptar novas medidas. Unha das cousas que imos abordar é a posibilidade de esixir o pasaporte covid no acceso a determinadas instalacións ou eventos".
Feijóo manifesta que unha das cousas que "máis madura está" é a posibilidade de solicitar o pasaporte covid para o acceso dos visitantes ás plantas de hospitalización en todos os hospitais da comunidade.
Feijóo destaca que o número de PCR positivas aumenta en Ourense e o núcleo de Barbadás "preocupa"
Feijóo fai un chamamento á prudencia
Feijóo: "Hai un grupo de 20 expertos que está a definir un plan de actuación para a normalización progresiva da atención sanitaria no ámbito hospitalario"
Feijóo di que o plan incluirá un marco común de rexime de visitas e acompañamento de pacientes, novos protocolos antes dos procedementos cirúrxicos e a recuperación das actividades formativas se a pandemia o permite
Feijóo: "Imos activar dous programas para as familias de especial consideración e as persoas que viven soas: 'Montaña en familia' e 'Xuntos polo Nadal'"
Feijóo di que o programa' Montaña en familia', ademais das familias numerosas, incluirá familias monoparentais, acolledoras e vítimas de violencia de xénero
Feijóo di que o programa 'Montaña en familia', ademais das familias numerosas, incluirá a familias monoparentais, acolledoras e vítimas da violencia de xénero
Feijóo explica que o programa 'Xuntos polo Nadal' realizarase nas residencias do Carballiño e Panxón. Está destinado as persoas de máis de 60 anos, que viven soas no seu domicilio e non teñen con quen pasar as festas. Ofreceranse dúas quendas de oito días cada unha e permitirá duplicar as prazas a 526.
Feijóo destaca que máis de 20.000 profesionais sanitarios xa teñen o grao recoñecido da categoría profesional
Feijóo: "Os profesionais dos hospitais comarcais acreditarán un grao máis antes que os profesionais dos grandes hospitais"
Feijóo: "Iniciamos a tramitación dun novo proxecto de lei, a primeira lei de arquitectura de Galicia"
Feijóo: "Estamos absolutamente preocupados por como van os prezos na economía, sobre todo na electricidade e pola escaseza das subministracións"
Feijóo: "Remitinlle unha carta a Pedro Sánchez e pedinlle que na próxima Conferencia de Presidentes se meta o incremento da carestía dos prezos como un punto da orde do día para que as comunidades poidan presentar as súas propostas"
Feijóo di que o luns manterá unha reunión coa Ministra de Industria e que enriba da mesa estará o problema das empresas electrointensivas
Feijóo manifesta que se fará unha auditoría da economía galega para avaliar o impacto que está a ter a escaseza de subministracións
Feijóo: "Estamos a piques de asinar o plan de financiamento universitario 2022-2026 cumprindo co obxectivo de superar os 3.000 millóns de euros"
Feijóo: "A recuperación do sector do turismo está 25 puntos por riba da media nacional"
Feijóo di que van asinar un contrato coa asociación de touroperadores de Galicia para facer unha campaña de promoción dirixida a diferentes públicos que queiran visitarnos
Feijóo: "Imos concretar sensores de control en seis depósitos de auga empregados para a extinción de incendios e poñer xeolocalizadores nunha serie de brigadistas para ofrecerlles seguridade persoal"
Feijóo: "Aprobamos un plan de control de verteduras na costa por un período de tres anos"
Feijóo di que a Limia vai recibir 32 millóns de euros para reactivar o sector agrario
Feijóo: "Asinamos un convenio con Expourense para o mantemento da pista de atletismo"
Remata Feijóo de dar conta dos asuntos tratados no Consello da Xunta
Feijóo manifesta que serán os militantes os que decidan que presidente ou presidenta queren na Comunidade de Madrid
Feijóo: "A medida que descenden as temperaturas hai un maior risco de ascenso nos contaxios"
Feijóo: "Pedirémoslle autorización ao TSXG para que ás visitas que se produzan nas plantas de hospitalización de Galicia se lles esixa o certificado covid"
Feijóo afirma que el non decide quen é o candidato ás eleccións municipais en Vigo e que haberá que celebrar congresos nas cidades
Remata a comparecencia do presidente da Xunta tras o Consello da Xunta