Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo esixe a Sánchez dimitir e convocar eleccións, e os socios do Goberno advírtenlle que queda pouca confianza

Feijóo esixe a Sánchez dimitir e convocar eleccións, e os socios do Goberno advírtenlle que queda pouca confianza

O líder do PP dille ao presidente do Goberno que confese todo o que sabe e devolva o botín

Sumar pide medidas transformadoras da sociedade, mentres que ERC di que se a corrupción escala forzará eleccións

BNG: "Queremos contundencia contra a corrupción e que cumpran con Galiza"

(EFE / Javier Lizón) (EFE / Javier Lizón)
G24.gal 09/07/2025 12:40 Última actualización 09/07/2025 13:09

líder do PP Alberto Núñez Feijóo esixiu ao presidente do Goberno Pedro Sánchez que confese todo o que sabedevolva o botín e convoque eleccións, ao considerar que non ten outra saída.

"Non hai maquillaxe que tape que vostede é un político destruído montando numeriños de cordeiro degolado. Vostede está como está porque resultou ser unha fraude", recalcou Feijóo, que cuestionou as medidas contra a corrupción anunciadas por Sánchez na súa comparecencia.

Propúxolle que se quere tomar medidas reais contra a corrupción e a degradación das institucións reforce en persoal e recursos a Unidade Central Operativa da Garda Civil, retire as leis impulsadas polo ministro Félix Bolaños, cese o fiscal xeral do Estado imputado e cambie o Tribunal Constitucional para evitar calquera sombra de partidismo.

Na súa réplica, Pedro Sánchez díxolle a Feijóo que o PP ten unha dobre moral coa corrupción. "Son consciente de que a xente está enfadada con nós, pero sabe que a indecencia duns poucos non define o resto".

Dixo Sánchez que non ten ningún medo a unhas eleccións, pero subliñou que estas terán lugar cando tocan, en 2027.

Xa na súa segunda quenda de palabra, Feijóo volveulle pedir a Sánchez que dimita: "Sexa vostede decente, marche, dimita, convoque eleccións e deixe falar os españois".

"España necesita un Goberno decente; este non o é. España necesita un presidente honrado; este non o é. España necesita un presente e un futuro mellor, e teraos", concluíu o presidente do PP.

Abascal pide a dimisión de Sánchez e critica tentacións de Feijóo de ser o PSOE azul

O líder de Vox Santiago Abascal pediu a dimisión do presidente do Goberno Pedro Sánchez e criticou as tentacións do líder do PP Alberto Núñez Feijóo de converterse no PSOE azul.

Incidiu en que o único plan que lle vale ao seu partido é a súa dimisión, a súa posta á disposición xudicial e que confese nos tribunais todo o que sabe. "Non hai outro plan", espetou.

Díaz esixe a Sánchez que cambie o rumbo: "Gobernar non é resistir, é transformar"

A vicepresidenta segunda do Goberno Yolanda Díaz pediu ao xefe do Executivo que cambie o rumbo, porque gobernar non é resistir, senón transformar con medidas no Boletín Oficial do Estado. 

A vicepresidenta segunda reclamou a Sánchez un xiro social á lexislatura e deixar de bloquear medidas neste sentido, como o Estatuto do Bolseiro, avances en vivenda ou a retribución de polo menos catro semanas do permiso parental para o coidado dos seus fillos menores de 8 anos.

"A semana que vén, presidente, presentaremos o ministro Bustinduy e eu mesma isto no Consello de Ministros. Esperamos o compromiso dos votos do PSOE para sacalo adiante", dixo.

Rufián avisa a Sánchez de que se a corrupción escala, na esquerda forzarán eleccións

O portavoz de ERC no Congreso Gabriel Rufián asegurou que o PSOE ten que cambiar de estratexia, porque cando a esquerda rouba a penalización é maior, e Sánchez, se segue bunkerizándose, vai conseguir deixar moitos votantes orfos. "Saia á ofensiva", reclamou.    

Iso si, o portavoz independentista quixo deixar claro que se os implicados nos casos de corrupción aumentan, na súa formación pedirán que a xente decida, porque consideran que igual chega un momento no que a continuidade de Sánchez no Executivo non frea a dereita, senón que consegue que entre para sempre. 

Tamén a voceira de Junts, Míriam Nogueras, advertiu a Sánchez que está na prórroga, e a prórroga non dura toda a lexislatura.

A portavoz do PNV no Congreso Maribel Vaquero alertou o presidente do Goberno de que a confianza dos nacionalistas vascos vai camiño da UCI. "Señor presidente, está a tempo, pero o reloxo corre, decida", díxolle.

BNG: "Queremos contundencia contra a corrupción e que cumpran con Galiza"

Por parte do BNG, o seu deputado Néstor Rego pediu compromisos con Galicia. Asegurou que a formación nacionalista non vai favorecer a chegada da dereita, pero dixo que iso non é unha carta branca: "Queremos contundencia contra a corrupción e que cumpran con Galiza".

O presidente do Goberno volverá acudir á Cámara Baixa pola tarde para dar conta dos últimos cumios internacionais aos que asistiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade