A Xunta comeza a negociar co Goberno a transferencia de novas competencias
As dúas administracións inician este venres os primeiros contactos para analizar a posibilidade de que Galicia xestione os permisos de traballo e os aeródromos e heliportos que non son de interese xeral do Estado
O Goberno da Xunta e o central inician este próximo venres os contactos para negociar o traspaso a Galicia das competencias sobre permisos de traballo e a xestión de aeródromos e heliportos galegos que non teñan a cualificación de interese xeral do Estado.
"Espero que sexa unha negociación honesta, rápida e con resultados", dixo este luns Alfonso Rueda na conferencia e prensa tras a finalización da reunión semanal do Consello da Xunta.
"Agardo que non se repita o proceso que tivemos que pasar coa lei do litoral e que sexa unha negociación normal entre administracións que deberían traballar con lealdade", dixo Rueda referíndose ao traspaso de competencias sobre a costa que finalmente autorizou o Tribunal Constitucional.
O presidente da Xunta referiuse ás declaracións do ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, cando se asinou en Santiago o traspaso das competencias do litoral, e asegurou que vía viables as aspiracións do Goberno galego. "Eu agradezo a vontade de querer iniciar negociacións", dixo Rueda.
En concreto Rueda referiuse a competencia sobre a xestión de permisos de traballo, que cualificou como "urxente". "Esas miles de vacantes de postos que hai en Galicia e persoas que poderían desenvolvelos, pero teñen que esperar moitísimo tempo, ás veces anos, para obter o permiso de trallo. Nós queremos solucionalo".
"Agardo que igual que se lle permitiu a outras comunidades tamén se nos permita a nós", concluíu o presidente da Xunta.
Amais desas competencias, a Xunta tamén avanzou que no horizonte próximo poñerá sobre a mesa que MeteoGalicia poida realizar unha xestión conxunta das alertas meteorolóxicas.