Publicador de contidos

Publicador de contidos

Jácome, á prensa antes de declarar no xulgado por malversación: "Vai á merda"

Jácome, á prensa antes de declarar no xulgado por malversación: "Vai á merda"

O alcalde de Ourense declara como investigado por un suposto desvío de fondos públicos á súa televisión privada

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, saíndo dos xulgados onde declarou este luns por un presunto delito de prevaricación administrativa e malversación de fondos públicos (Europa Press)
G24.gal 22/09/2025 13:08

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), declarou este luns ás 9:15 horas perante o Xulgado de Instrución nº 1 de Ourense, como investigado por un suposto delito continuado de prevaricación administrativa e de malversación de fondos públicos por un presunto desvío de diñeiro á televisión privada Auria TV, "estreitamente relacionada co alcalde".

Esta declaración prodúcese tras a denuncia presentada ante a Fiscalía de Ourense por José Manuel Palacios, exasesor do grupo de goberno de Democracia Ourensana (DO), o pasado 20 de decembro de 2024.

Na denuncia, Palacios inculpaba o alcalde de Ourense pola adquisición de "material técnico inventariable" por un valor de "3.946,29 euros" dentro dun pedido "financiado con fondos municipais" de "8.698,04 euros" totais.

O denunciante recalcaba que o material foi utilizado "exclusivamente" en "actividades vinculadas" a Auria TV, unha "canle privada vinculada ao alcalde", e tamén lle atribúe recorrer a funcionarios municipais para "desempeñar funcións exclusivas como cámara" na canle de televisión, que son "alleas ás competencias propias" do cargo.

Contratación dun asesor

Nesta liña, o exasesor subliñaba que a contratación, neste caso, de Germán L., asesor político do grupo de goberno do Concello de Ourense, como cámara "desde abril de 2021" ata a data da denuncia (decembro de 2024), ascendía a "178.930 euros" para o "pago do salario e cotizacións sociais".

Palacios incidía en que os "contidos institucionais" da administración municipal, "como vídeos de plenos municipais, roldas de prensa e outras actividades oficiais", "non están dispoñibles" nas súas plataformas oficiais, senón que "son difundidos de maneira exclusiva a través de Auria TV".

A continuación, a denuncia destacaba que isto supón unha "vulneración" dos "dereitos cidadáns" de "acceso igualitario á información", así como dos "principios fundamentais" de transparencia" e "imparcialidade", "en beneficio de intereses privados" e "en detrimento do interese xeral".

Entre as demandas, o exasesor do Concello de Ourense solicitaba a suspensión da "centralización da comunicación institucional en plataformas privadas", mentres se tramita a investigación, e garantir que "os recursos do Concello non continúen sendo utilizados para fins privados".

Pola súa banda, o rexedor ourensán, acompañado do seu avogado e da concelleiro de Dinamización e Política Social, Noa Rouco, negouse a atender aos medios de comunicación que se congregaron este luns ás portas do xulgado, e eludiu facer manifestacións, nin á entrada nin á saída. Así, Pérez Jácome despachou a prensa cun "vai á merda".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade