A Xunta aproba novos investimentos na provincia de Lugo por máis de 50 millóns
As novas actuacións anunciadas por Rueda tras un Consello da Xunta celebrado na capital luguesa súmanse ás xa en marcha, que superan os 100 millóns de euros
O Consello da Xunta, nunha reunión celebrada nesta ocasión na cidade de Lugo, aprobou este luns novas actuacións na Cidade das Murallas e na súa provincia por valor de máis de 50 millóns de euros.
A maior partida é a destinada a intervencións en materia de saneamento e abastecemento, que alcanza os 21 millóns, con melloras na rede de Ribadeo e Trabada, as novas EDAR de Burela e Portomarín, a reforma na liña de lodos da rede que dá servizo a Cervo e Burela e melloras na rede de Palas de Rei.
Amais diso tamén se aprobou publicar este ano o Plan de conservación e xestión da muralla romana de Lugo, renovar a acreditación do Campus Terra de Lugo como Campus de especialización por outros 4 anos máis e licitar a xestión da nova residencia de maiores de Antas de Ulla co obxectivo de que reciba os primeiros usuarios xa no mes de setembro.
O Consello da Xunta tamén aprobou destinar máis de dez millóns a obras de mellora nas residencias de maiores das Gándaras e da Milagrosa e construír dous novos centros de saúde na cidade de Lugo: coa reforma integral do centro de saúde da Milagrosa e a construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón.
Ademais tamén se acordou a licitación das obras de construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla.
En canto á vivenda, o Consello da Xunta autorizou licitar a redacción do proxecto para construír un edificio de aloxamentos compartidos, dirixidos a menores de 36 anos, na cidade de Lugo.
Outras actuacións anunciadas son as melloras en xulgados de toda a provincia, a construción dun aparcadoiro disuasorio no barrio lugués das Fontiñas, ou a reforma do Hotel Pousada de Portomarín.
Estas intervencións, que detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, súmanse ás que xa están en marcha na capital luguesa e na súa provincia, cun investimento superior aos 100 millóns de euros.
Canda a todas estes investimentos, o Consello da Xunta aprobou autorizar o inicio das obras da nova factoría de Norvento no polígono das Gandaras.
Segundo detallou Rueda, será unha planta de última xeración para fabricar aeroxeradores, autosuficiente enerxeticamente e con cero emisións. Ten previsto un investimento de 50 millóns de euros e a creación de máis de 600 postos de traballo.