A Xunta pon en marcha 35 equipos de enfermería para atender crónicos nas casas
Os profesionais terán como ámbito de traballo as zonas rurais e semirrurais
A Xunta de Galicia vai poñer en marcha este ano un total de 35 equipos de dous profesionais de enfermería de Atención Primaria cada un para atender pacientes crónicos nos seus domicilios nas zonas rurais e semirrurais.
Segundo explicou presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras o Consello do Goberno galego, o obxectivo é "aumentar nun 50 % a actividade asistencial" na Primaria no que se refire á atención a domicilio dos pacientes crónicos fóra da contorna das cidades.
A partida económica que se destinará a estes equipos, integrados por dous profesionais, será de 3,3 millóns de euros durante este ano.
Cada un dos equipos contará cun vehículo e acudirán aos domicilios en coordinación cos centros de saúde para casos concretos, pero tamén o farán de maneira proactiva para o seguimento de pacientes inmobilizados.
Rueda defende recorrer aos mir de cuarto ano
Alfonso Rueda defendeu a proposta do Sergas na área sanitaria de Pontevedra de recorrer a médicos internos residentes (MIR) do cuarto ano para cubrir vacantes de facultativos de familia porque se trata de "tentar paliar a falta de médicos" que hai na Atención Primaria.
Rueda destacou a "coherencia" desta medida para responder á realidade de escaseza de médicos de familia ante o que hai que "tentar atopar fórmulas" como a exposta na área pontevedresa, que xa recibiu as críticas da oposición e de colectivos médicos.
Puntualizou o presidente da Xunta que os médicos en formación serán sempre "supervisados" por alguén con máis experiencia e terán a "retribución" que as súas novas tarefas deban implicar.
Amais, a Xunta tamén acordou hoxe abrir unha nova convocatoria de axudas para os concellos onde non hai caixeiros. 36 municipios xa se beneficiaron destes apoios. O obxectivo do Goberno galego é que todos os cidadáns teñan acceso a servizos financeiros vivan onde vivan.