Condenan a case seis anos de cárcere o principal acusado na operación Carioca
A sentenza inhabilítao para o exercicio de emprego ou cargo público durante cinco anos e once meses
O tribunal sostén que chegou a agredir sexualmente unha das vítimas

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos e nove meses de cárcere o principal acusado na peza central da operación Carioca, un exgarda civil que exerceu entre 2005 e 2009 como cabo no Equipo de Muller-Menor.
Tamén terá que pagar unha multa de 7.408 euros.
Ademais, a sentenza inhabilítao para o exercicio de emprego ou cargo público durante cinco anos e once meses.
O tribunal considerouno autor dun delito continuado de suborno, un delito de agresión sexual, un delito continuado de suborno propio activo e un delito continuado de revelación de segredos.
Tamén o xulga culpable dun delito continuado de omisión de perseguir delitos, en concurso con tres delitos de favorecer a prostitución, e dun delito de extorsión, concorrendo as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano.
A Audiencia, en función do acordo de conformidade que o acusado alcanzou con Fiscalía, absolveuno do delito de omisión de perseguir delitos en relación cun matrimonio.
O tribunal relata na sentenza divulgada este mércores polo TSXG que o procesado “participaba en inspeccións periódicas e controis en clubs de alterne ou establecementos análogos da provincia de Lugo”, durante as cales estaba obrigado a examinar a documentación do persoal, para comprobar se estaba de acordo co disposto na normativa que regula a estancia legal de persoal estranxeiro en España.
A sala subliña que, no caso de que houbese persoas en situación irregular, “estaba obrigado a transmitir a devandita información á Brigada Provincial de Estranxeiría da Policía Nacional”.
Os maxistrados aseguran que, no exercicio destas atribucións, o condenado, “con ánimo de satisfacer os seus instintos sexuais e abusando da súa condición de garda civil”, estableceu relación con mulleres estranxeiras que se achaban en situación irregular en España.
A cambio, ofrecíalles “a súa axuda en diferentes ámbitos e, especialmente, para a regularización da súa situación irregular en España ou silenciar ou alterar os datos que poderían determinar a apertura dun expediente de expulsión”. O tribunal sostén que chegou a agredir sexualmente unha das vítimas.
A Audiencia Provincial, ademais, condenou a multas de entre 1.00 e 2.000 euros os outros tres procesados, donos de clubs de alterne, como autores dun delito de suborno pasivo.
Segundo a sentenza, os donos e encargados dos clubs desenvolveron unha estratexia dirixida a beneficiar economicamente o principal acusado mediante pagos directos e con outros beneficios, tales como servizos de bar”
Pretendían así “evitar o prexuízo derivado dos controis e inspeccións policiais de estranxeiría, que provocaban perdas económicas, deterioración da imaxe do club, repercusión na clientela e interrupción na actividade do club con detencións de mulleres que, nalgúns casos, eran expulsadas debido á súa situación irregular”.
A Audiencia Provincial absolveu outro acusado, un subtenente da Garda Civil que se negou a chegar a un acordo coa Fiscalía e foi xulgado por un delito de omisión de perseguir delitos en relación cun matrimonio, así como do delito de solicitude de favores sexuais, en concurso cun delito de abuso sexual.