Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a quince anos por planear un atentado nun concerto de Taylor Swift en Viena

Condenado a quince anos por planear un atentado nun concerto de Taylor Swift en Viena

O seu cómplice, tamén de 21 anos, recibiu unha condena de 12 anos de cárcere

REUTERS/Lisa Leutner REUTERS/Lisa Leutner
G24.gal 28/05/2026 23:14

 Un tribunal austríaco condenou este xoves un home de 21 anos a 15 anos de prisión por planear un atentado terrorista nun concerto de Taylor Swift en agosto de 2024 en Viena, e a 12 anos de cárcere o seu cómplice, da mesma idade.

No xuízo que tivo lugar no Tribunal rexional de Wiener Neustadt, Beran A. e Ardan K., respectivamente, foron considerados tamén culpables de instigar outro compañeiro, Hasan E., a cometer un ataque terrorista con coitelo en Arabia Saudita, informou a axencia austríaca APA.

Considerouse tamén probado que os dous homes se vincularan a unha célula do grupo terrorista Estado Islámico (EI).

Beran A. foi detido o 7 agosto de 2024 tras descubrir a policía austríaca un complot para atentar no concerto de Swift planificado para dous días máis tarde, o segundo dos tres espectáculos que tiña programados a estrela do pop no estadio Ernst-Happel de Viena, no marco da súa xira 'Eras Tour'.

Por razóns de seguridade, as autoridades austríacas cancelaron daquela os tres eventos, a pesar de que xa se venderan unhas 200.000 entradas e milleiros de seguidores da cantante viaxaran á capital austríaca para vela.

O veredicto de culpabilidade incluíu varios cargos de terrorismo, como participación en tentativa de asasinato, viaxes con fins terroristas, adestramento para fins terroristas, asociación terrorista e organización criminal.

As condenas non son aínda vinculantes. A defensa pediu tres días de prazo para reflexionar.

A maxistrada que presidiu o xurado defendeu que, dentro dun marco penal de 10 a 20 anos, as penas impostas son "adecuadas ao feito e á culpabilidade".

Os "motivos extremistas con motivación relixiosa", así como o prolongado período de tempo no que se desenvolveron os feitos, foron considerados elementos agravantes.

Como atenuantes tivéronse en conta que os dous acusados eran menores de 21 anos cando cometeron os delitos, así como o feito de que admitiron boa parte da súa culpabilidade.

Como integrantes dunha célula terrorista, os tres mozos actuaran de forma coordinada con Hasan E, actualmente encarcerado en Arabia Saudita, con quen planearan perpetrar atentados simultáneos o 11 de marzo de 2024 na Meca, Istambul e Dubai contra forzas de seguridade.

Mentres que os condenados este xoves regresaron a Austria sen actuar, Hasan E. feriu cun coitelo un garda de seguridade fronte á Gran Mesquita na Meca e outras catro persoas antes de ser detido.

Desde entón, permanece no reino wahabí á espera do seu xuízo.

Beran A. e Ardan K. admitiron planear os atentados, pero presentaron ante os xuíces o ausente, Hasan E., como o cabecilla que os guiara, asegurando que el cometera o ataque en Arabia Saudita tamén sen o apoio deles, algo que non convenceu os xuíces.

Beran A. confesou a súa intención de causar danos entre a multitude que ía asistir ao concerto de Swift.

"Quería armarme o máis forte posible para que fose algo grande", admitiu durante un interrogatorio policial, revelando como motivo o desexo de quedar "como un heroe" ante o EI e volverse "famoso".

Segundo APA, durante o xuízo, que durou cinco días e tivo lugar baixo estritas medidas de seguridade, o mozo mostrouse arrepentido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade