Condenan un veciño de Boiro a dous anos de prisión por dipararlle a outro nunha perna
Ademais impóñenlle unha orde de afastamento de 100 metros respecto á vítima, coa que non se poderá comunicar en sete anos e á que debe indemnizar con 35.000 euros
Celebrouse este mércores na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña en Santiago a vista de conformidade dunha tentativa de homicidio que se produciu en Boiro o 9 de xaneiro de 2022.
Aquel día acusado e vítima discutiron nun bar da vila. O acusado saíu e envioulle unha mensaxe ao irmán da vítima advertíndolle que ía matalo. Pouco despois a vítima saíu do bar e volveron discutir. O acusado colleu unha arma de aire comprimido que fora modificada para usar perdigóns e disparoulle dúas veces nunha perna. Como consecuencia das lesións, a vítima estivo ingresado 30 días e sufriu 6 intervencións cirúrxicas.
Os feitos foron cualificados pola Fiscalía como un delito de homicidio en grao de tentativa, polo que pedía unha pena de 8 anos de prisión, unha orde de afastamento de 50 metros, prohibición de comunicarse coa vítima durante 10 anos e o pagamento dunha indemnización de 25 mil euros. As partes negociaron un acordo de conformidade que rebaixa a condena e suspende a execución da entrada en prisión.
O maxistrado leu a sentenza, que xa é firme, en que se condena ao acusado a dous anos de prisión, o pagamento de 35.000 euros de indemnización á vítima e se lle impón unha orde de afastamento de 100 metros e prohibición de comunicarse coa vítima durante 7 anos, como explica o avogado da defensa, Diego Reboredo.
Para a redución da pena aplicáronse as atenuantes de confesión, reparación do dano causado ao ter pagado xa 20 dos 35 mil euros da indemnización fixada e que o acusado actuou baixo os efectos das drogas. Tamén deberá cumprir coa orde de afastamento de 100 metros da vítima e coa imposibilidade de comunicarse con el durante 7 anos.