Competencia investiga se Repsol, Cepsa e BP pactaron descontos no prezo dos combustibles
É unha inspección en resposta á denuncia de pequenos operadores
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia non dá nomes, pero tanto Repsol como Cepsa confirmaron que fixo inspeccións nas súas sedes.
É un paso preliminar da investigación para determinar se estas dúas petroleiras, xunto con British Petroleum, pactaron unha campaña agresiva de descontos nas súas estacións de servizo, como denuncian pequenos operadores e gasolineiras de baixo custo.
Segundo os denunciantes, comezaron estas prácticas en marzo e mantivéronas despois xunto coa bonificación do Goberno a través de programas de fidelización do cliente.
"É importante que o regulador independente exerza a súa función, que é o que está facendo. Estaremos moi pendentes deste expediente", aseguraba en Santiago a secretaria de Estado de Enerxía.
Sara Aagesen fai un chamamento ás empresas para que teñan un comportamento acorde coa lexislación. Di que este tipo de expedientes distorce a mensaxe que lle chega á poboación.
Competencia di que a investigación non prexulga o resultado nin a culpabilidade das empresas implicadas, que negan calquera irregularidade.
De detectárense prácticas anticompetitivas e abuso de posición dominante no mercado, abriríanlles un expediente sancionador. As multas poderían chegar ata o 10 % do seu volume de negocio.