A Xunta licitará por 90 millóns de euros 1.490 liñas de transporte escolar
O conselleiro da Presidencia anuncia un reforzo das liñas de transporte interurbano durante o verán con 22.000 servizos
Diego Calvo asegura que a partir do 1 de xullo o billete de bus custará un 10 % máis debido á redución das achegas do Goberno central: "Os galegos pagaremos máis porque o Goberno minguou as axudas"
Calvo critica que o Goberno pida ás CC. AA. e concellos que asuman rebaixen as taxas aeroportuarias ás liñas de baixo custo: "Paréceme ben que non se deixen extorsionar, pero que non nos extorsionen a nós"

A Xunta prepara a próxima licitación do transporte escolar para o curso que vén, que prestará servizo a case 81.000 alumnos de ensinanzas obrigatorias.
Contrataranse 1.490 liñas por un importe de 90 millóns de euros, un 9,8 por cento máis con respecto ao ano 2021, segundo avanzou no Parlamento o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, Diego Calvo, quen compareceu a petición propia para informar da situación do transporte en Galicia.
A licitación do transporte escolar terá unha vixencia inicial de dous anos e o número de contratos ampliarase de 57 a 71 para "buscar mellor eficiencia en prestación de rutas".
O conselleiro da Presidencia explicou que con esta nova licitación fomentarase "a participación de empresas máis pequenas", eliminaranse paradas "que non teñen alumnos" e manterase o persoal acompañante. A estas 1.490 liñas de transporte escolar engadiranse outras dúas mil liñas de transporte compartido, que prestarán servizo a case 81.000 alumnos e alumnas de ensinanza obrigatoria.
O billete do bus interurbano encaracerá un 10 por cento a partir do 1 de xullo
Na súa comparecencia no Parlamento, Calvo explicou que o billete de bus subirá un 10 por cento a partir do 1 de xullo debido á modificación das achegas realizadas polo Goberno central. Pasarán do 30 por cento actual ao 20 %, o que encarecerá o billete aos usuarios. Pola contra, asegura, a Xunta mantén as bonificacións vixentes para viaxeiros recorrentes e familias numerosas.
Reforzo das liñas de buses durante o verán para as zonas de lecer
No Parlamento, o conselleiro da Presidencia explicou que a Xunta vai reforzar as liñas de transporte interurbano durante as vacacións de verán. Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro cubriranse 22.000 servizos a través de 90 liñas de transporte. Liñas, que o ano pasado empregaron arredor de 245.000 usuarios por toda Galicia.
Entre as liñas que se reforzarán figuran as conexións coa zona de praias no Salnés ou na área de Vigo e Baiona; os buses que unen a praia das Catedrais con Ribadeo ou os que comunican Cabanas e Pontedeume coas Fragas do Eume. Tamén as liñas de transporte nocturno ás zonas de festas e verbenas ou as que atenden as demandas dos peregrinos.
"Paréceme ben que non se deixen extorsionar, pero que non nos extorsionen a nós"
O conselleiro denunciou a falta de diálogo e de negociación por parte do Goberno central en materia de transporte e criticou que levan "ano e medio" solicitando a celebración dunha conferencia sectorial entre coas comunidades autónomas.
No tocante ao transporte aéreo, criticou que o executivo se negue a someterse "á chantaxe" das aeroliñas de baixo custe reducíndolles as taxas aeroportuarias e, pola contra, pidan ás comunidades autónomas e concellos que asuman esta rebaixa. "Paréceme ben que non se deixen extorsionar, pero que non nos extorsionen a nós", dixo.
Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, recriminaron a Calvo que dedicara a súa comparecencia a "utilizar o Parlamento para cargar contra o Goberno de España", segundo o nacionalista Paulo Ríos, e a "confrontar" co Executivo central e "magnificar as incidencias ferroviarias", dixo o socialista Carlos López Font.