Galicia recupera a mobilidade nocturna e amplía o horario da hostalería e do ocio nocturno
No Entroido, os espectáculos ao aire libre poderán contar cunha ocupación do 100 %
Certificado obrigatorio no caso de eventos con máis de 200 persoas en interiores e de 500 ao aire libre
Esixirase o certificado en todos os eventos, á marxe da ocupación, en que estea permitida a venda de bebida e comida
O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña compareceu perante os medios acompañado polo secretario xeral técnico Alberto Fuentes Losada, a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán Parrondo e o xerente do Sergas José Flores Arias.
Esta comparecencia convocouse para informar das novas medidas tomadas polo comité clínico, que se reuniu onte. Segundo o acordado na xuntanza, Galicia eliminará o toque de queda para as reunións nocturnas e recuperará o uso de bares e horarios de hostalería e mais o ocio nocturno, logo de que as autoridades sanitarias considerasen que se superou o pico da sexta vaga da pandemia.
De momento, mantense a obriga de presentar o certificado COVID para acceder a estes locais e outras actividades. Estas novas medidas explicounas o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña nunha conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico, que se celebrou onte.
O conselleiro de Sanidade tamén precisou que entre os enfermos de covid–19 ingresados hai unha "alta porcentaxe", un 44 %, que non foron ingresados por esta enfermidade, pero deron positivo tras ingresar por outras doenzas. O 56 % débese a unha causa directa de coronavirus.
Tras "pasar o pico da pandemia e estar na súa meseta", dixo Comesaña, a Xunta levantará as restricións impostas para as festas do Nadal, como xa apuntara o presidente galego Alberto Núñez Feijóo.
Coas novas medidas que van entrar en vigor, xa non estarán prohibidas as reunións de non conviventes entre as 3:00 e as 6:00 horas e os establecementos de restauración e bares recuperan o 100 por cento da ocupación e o uso das barras. De agora en diante poderán abrir ata a 1:00 pola semana e ata a 1:30 as fins de semana.
Nos restaurantes, as mesas de fóra poden ser de ata quince comensais, en lugar dos dez de agora, mentres que dentro o máximo mantense en oito persoas.
Os cócteles de pé, que estaban prohibidos durante o Nadal, estarán permitidos de novo, e tamén os concertos e espectáculos de pé.
O ocio nocturno pode abrir ata as 4:00 horas os días laborables e ata as 5:00 horas as fins de semana. O que seguirá en vigor, a pesar da mellora da situación epidemiolóxica, é a obrigatoriedade de presentar o certificado COVID para acceder aos locais hostaleiros e para as visitas a hospitais ou centros de acollida públicos, posto que se demostrou como unha medida "eficaz".
O conselleiro volveu animar as persoas non inmunizadas a vacinarse. Segundo informou Comesaña, durante o mes de xaneiro un total de 5.281 persoas recibiron a primeira vacina, o cal considerou "unha boa noticia", aínda que insistiu en seguir fomentando a inmunización dos que polo de agora non recibiron ningunha dose.
Minuto a minuto
Comeza a comparecencia do conselleiro de Sanidade, agradecendo o esforzo a todos os profesionais da saúde polo esforzo realizado nesta pandemia e especialmente nesta sexta onda.
Julio García Comesaña explicou que, cos datos de tendencia á baixa dos casos de covid e de baixada de presión hospitalaria, o comité clínico fixo unha proposta para aliviar as restricións.
Julio García Comesaña: "Eliminamos as limitacións de mobilidade, recuperamos a liberdade de movemento na madrugada, que ata o de agora non estaba permitida para persoas non conviventes, e recuperamos o horario da hostalaría: a hostalería e os restaurantes poderán pechar á unha durante a semana e á unha e media as fins de semana".
Julio García Comesaña: "Os locais de ocio nocturno poden pechar ás 4 durante a semana e ás 5 na fin de semana. Volve o consumo en barra e tamén as mesas poderán ser de 8 persoas no interior e de 15 no exterior. Tamén se van permitir os cócteles de pé, especialmente coas medidas e o uso da máscara correspondente e tamén volven os concertos e espectáculos de pé, sempre coas correspondentes máscaras".
Julio García Comesaña: "O certificado covid seguirá sendo obrigatorio. É unha ferramenta que se mostrou eficaz especialmente para animar a cidadanía a vacinarse".
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, dixo que o número de casos que se está tendo estable desde o martes da semana pasada, que tamén foi de 7.000 positivos, e que isto indica que se está nun momento de estabilización porque o número de casos é constante.
Carmen Durán Parrondo: "Cos datos que temos alcanzamos o pico de casos o 14 de xaneiro e desde ese día comezamos a baixar. Se falamos de incidencia acumulada, o valor máis alto a 7 días foi o 13 de xaneiro e a 14 días foi o 20 de xaneiro".
A directora xeral de Saúde Pública afirma: "Para confirmar que xa estamos en fase de estabilización haberá que ver os datos de toda esta semana. Despois, o que está pasando noutros países que tiveron o pico antes, é que logo da meseta ben unha baixada rápida de casos".
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, di: "Por grupos de idade, observamos que Galicia, por debaixo dos 65 anos, ten contida a incidencia acumulada a 7 e a 14 días; está diminuíndo lixeiramente o número de casos. En xeral vese unha diminución en todos os grupos de idade".
O doutor Pedro Rascado, da Unidade de Urxencias do CHUS e membro do comité clínico, explicou que, co número de infectados, que non se desbordase a presión hospitalaria é grazas as vacinas e dixo "que é difícil entender que a estas alturas haxa un galego que non se vacinase".
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, insistiu que de cara ás festas do Entroido hai que ser moi prudentes e resumiu o protocolo adoptado pola Xunta nos seguintes puntos: "Os concellos deben adoptar todas as medidas precisas para garantir o uso correcto dos espazos nos que se desenvolven os desfiles, actuacións musicais e bailes itinerantes; por suposto, distancia e uso da máscara tanto para participantes como para público.(...) Os espectáculos ao aire libre poderán contar cunha ocupación do 100 por cento e a mesma ocupación tamén no caso de interiores. Non estará permitido fumar, tampouco cigarros electrónicos na área do público.
Certificado obrigatorio no caso de eventos multitudinarios en interiores, cando o público sexa máis de 200 persoas e ao aire libre cando a ocupación sexa superior ás 500 persoas.
Esixirase o certificado en todos os eventos, á marxe da ocupación, nos que estea permitido a venda de bebida e comida".
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou que a Dirección Xeral de Saúde Pública, que forma parte da Comisión Nacional de Saúde Pública, xa levou unha proposta de revisión dos positivos: "Cando estaba en 10 días levou unha proposta daquela de revisar para que puidesen ser 7 ou 5 días de illamento dos positivos e a Comisión adoptou o criterio de sete. Seguimos traballando para levar unha nova proposta para que a Comisión de Saúde Pública estude baixar a 5 os illamentos de casos positivos".