Comeza en Francia o xuízo ao médico que abusou de centos de menores durante case tres décadas
Jöel Le Scournec, un excirurxián de 74 anos, está xa en prisión por violar unha veciña de seis anos e dúas sobriñas
O fiscal identifica 158 vítimas do sexo masculino e 141 do sexo feminino, que tiñan unha idade media de once anos cando foron sedados para seren agredidos sexualmente
Jöel Le Scournec, un excirurxián de 74 anos, agora en prisión por violar unha veciña de seis anos e dúas sobriñas, volve aos xulgados para facer fronte ao resto das vítimas que deixou durante case tres décadas de profesión.
A maior parte eran menores de idade cando abusou deles nos hospitais e clínicas en que traballaba. Moitos deles estaban anestesiados cando sufriron os abusos. Saberíano anos máis tarde, cando a policía os chamou porque aparecían nos escritos intervidos ao acusado en que este describía polo miúdo os abusos cometidos.
No escrito de acusación, o fiscal identifica 158 vítimas do sexo masculino e 141 do sexo feminino, que tiñan unha idade media de once anos cando foron abusados. O fiscal impútalle a Le Scournec os delitos de violación agravada e abuso sexual agravado.
O xuízo prolongarase durante 45 sesións e están chamados a declarar 45 testemuñas e unha decena de peritos. Na sede xudicial da cidade bretoa de Vannes están acreditados máis de 250 xornalistas para seguir o que aparece como o maior caso de pederastia de Francia.