Comesaña estuda convocar o comité clínico en pleno a próxima semana
O órgano que asesorou a Xunta durante a pandemia non se reúne desde outubro
O subcomité de garda decide esta tarde se pide consello do resto de expertos de cara ás recomendacións de Nadal
"Estamos a piques de acadar un nivel de contaxios que nos obrigaría a tomar medidas", dixo o conselleiro de Sanidade
Esta tarde, os sete membros do subcomité clínico deciden se volven pedir o consello do comité en pleno, dos seus 35 membros, que non se reúnen desde outubro. Non hai data fixada aínda, pero a reunión do pleno de expertos podería ser o luns ou o martes da semana que vén. Reuniríanse para analizar a situación de contaxios actual e as medidas ou recomendacións de cara ao Nadal.
O conselleiro defendeu que a capacidade asistencial e diagnóstica do Sergas segue forte. Aínda que entrase en escena unha variante máis transmisible e neste contexto de gran cobertura vacinal, o conselleiro de Sanidade descartou que poida haber circulación dun gran número de asintomáticos non detectados, como algúns expertos alertan noutras comunidades. Cre que a capacidade diagnóstica de Galicia segue intacta.
"Galicia está agora mesmo nos niveis máis altos de probas diagnósticas por cen mil habitantes; sempre foi unha constante da nosa comunidade en todos estes meses", dixo.
Hoxe o DOG prohibe os cócteis en que bebidas e petiscos se toma de pé. E pola noite entra en vigor a esixencia do certificado en ximnasios, residencias, e eventos multitudinarios.
"Intentar ser un pouco prudentes porque estamos a piques de pasar dun nivel de contaxios que nos levaría ter que tomar medidas. Aínda que cremos que se as cousas seguen estables non sería necesario. É certo que a situación os hospitais seguen estando en parámetros razoables", explicou Comesaña.
O titular de Sanidade pide que sexa unha decisión do Ministerio a de poñer ou non en corentena os contactos que estean vacinados, para unificar criterios, xa que hai traballadores dunha comunidade que traballan noutra. Tamén apelou á responsabilidade de todos asegurando que a escaseza de médicos en Primaria dificulta cubrir as baixas.
"Como saben as listaxes de contratación de médicos están esgotadas e cando un médico ou dous teñen unha baixa temos verdadeiras dificultades para cubrilo. Normalmente hai un esforzo importante dos seus compañeiros que quero publicamente agradecer".
Comesaña pedía prudencia e sentidiño na base de Conxo do 061. E anunciou máis ambulancias de soporte vital avanzado para atender urxencias e zonas despoboadas.