Collen na allada un individuo que vendía droga polo miúdo no barrio vigués de Coia
A policía comisoulle cocaína, haxix, heroína, 23.000 euros en efectivo e unha pistola simulada
O xuíz enviouno a prisión por un delito de tráfico de estupefacientes
A Policía Nacional desmantelou en Vigo un punto de venda de droga a pequena escala no barrio de Coia. O único detido no operativo tiña case douscentos gramos de distintas drogas no seu piso e seguíanlle a pista dende hai tempo. A policía levaba xa dende xaneiro facendo seguimentos do individuo, despois das informacións dadas por diversas testemuñas e finalmente decidiu intervir.
Por diversas fontes, a tiveron coñecemento dende había varios meses de que na contorna da praza da Miñoca había actividade de venda de droga polo miúdo.
"Localizamos un domicilio nesa zona, así como moita actividade, sobre todo en días de partido ou festivos, en espazos de lecer e locais de hostalería da contorna", sinala Iago García, inspector xefe da Policía Nacional e xefe de sección da UDYCO en Vigo.
Con indicios sólidos e a autorización xudicial, procederon á entrada no domicilio. Colleron o sospeitoso na allada, con abundante droga e outro material. Na operación, nomeada Le Gras -que vincula a primeira fotografía da historia co nome da rúa onde vivía o detido, Fotógrafo Luis Casado-, os axentes interviñeron máis de 100 gramos de cocaína, uns 60 de haxix, 7 de heroína e outras substancias que aínda se están analizando. Tiña ademais unha pistola simulada, 23.000 euros en metálico e efectos para a dosificación e distribución dos estupefacientes.
"Para ser un punto de venda de droga polo miúdo, si é unha cantidade reseñable. Normalmente nestes puntos móvense cantidades incluso menores, sobre todo por seguridade xurídica dos traficantes, que tratan de evitar así penas altas cando son detidos. Incautámonos tamén, ademais de cocaína, haxix ou heroína, de distintas drogas sintéticas e outras sustancias que están sendo analizadas. Ademais o diñeiro en efectivo, 23.000 euros, dá idea do volume do negocio que movía", relata o inspector que dirixiu o operativo.
Con todo, o operativo causou certa sorpresa entre parte da veciñanza, xa que o detido desenvolvía a actividade con discreción, aínda que tamén distribuía droga nos locais do barrio.
"Había moita policía, si, pero descoñezo o que pasou". "Para min é unha sorpresa, porque non teño veciños dos que poida dubidar que se dedicaran a iso", sinalan dous veciños da rúa.
"É unha persoa de mediana idade, con antecedentes policiais, que coñecía o negocio e procuraba actuar con discreción á hora de realizar o traballo", comenta o xefe da sección da UDYCO de Vigo.
Despois de prestar declaración ante o xuíz, ingresou en prisión.