Colapsa a autovía A1 de Portugal á altura do dique roto sobre o río Mondego
O ministro luso de Infraestruturas Miguel Pinto Luz visitou onte á noite esa área e dixo á prensa que o viaduto non corre perigo
Como consecuencia, a autovía A1 entre os quilómetros 189 e 191 permanecerá pechada un tempo
A autovía A1, que une Lisboa co Porto, colapsou a pasada madrugada á altura de onde onte rompeu un dique do río Mondego na zona de Casais, preto de Coimbra, no centro de Portugal, que provocou o seu desbordamento pola ribeira dereita.
Cando a estrada cedeu levaba xa horas pechada ao tráfico nos dous sentidos debido a que rebentou o dique, xusto debaixo dun viaduto da A1 nunha zona de campos agrícolas que xa fora evacuada.
Segundo a cadea de televisión púbilca RTP, o pavimento afundiu no quilómetro 191,2 da A1 no sentido norte-sur. O ministro luso de Infraestruturas, Miguel Pinto Luz, visitou onte á noite esa área e dixo á prensa que o viaduto non corre perigo e que o que ocorreu foi que a rotura do dique provocou un fluxo de auga anormal que corroeu parte dos materiais que serven de soporte.
Pinto Luz indicou que vai levar semanas reparar a infraestrutura. Como consecuencia, a autovía A1 entre os quilómetros 189 e 191 permanecerá pechada un tempo. Onte, o presidente de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa e o primeiro ministro Luís Montenegro visitaron Coimbra e non descartaron que poidan producirse novas roturas do dique do Mondego. Tras unha noite de precipitacións, espérase que a situación meteorolóxica mellore este xoves, aínda que mañá, venres, volverá a choiva e con ela o risco de novos incidentes.