Publicador de contidos

Publicador de contidos

Co atropelo dunha nena volve a demanda de melloras na seguridade viaria en Liñares, A Estrada

Co atropelo dunha nena volve a demanda de melloras na seguridade viaria en Liñares, A Estrada

A rapaza atropelada está na UCI desde o sábado e evoluciona favorablemente das feridas

Imaxe da N-640 en Liñares, A Estrada, este luns no lugar onde a cativa foi atropelada por un coche
G24.gal 19/04/2022 13:59

O atropelo dunha rapaza de dez anos reavivou a alerta de que este punto da nacional 640 é de risco grande para os peóns, especialmente os domingos ao mediodía, en que hai gran movemento de clientela entre os negocios que hai a un lado e outro da calzada.

Manuel, carniceiro no lugar, comenta: "Hai tres negocios entre os que hai moito movemento de persoas, e sempre hai descoidos".

Belén, dona do restaurante, sinala: "Van varios accidentes, ás veces pola fatalidade e outras pola velocidade, e o que si buscamos é que aumenten as medidas de seguridade".

Manuel, outro veciño da zona, di: "Os coches podían pasar máis amodo, porque pasan a moita velocidade, e iso que a gasolina está cara".

É un tramo con límite de velocidade en 50 quilómetros por hora e bandas rugosas na calzada, pero con moito perigo para os peóns. A familia da panadería perdeu dúas integrantes en atropelo diante da casa e desde este sábado está pendente da evolución da pequena, que segue na UCI, pero vaise repoñendo das feridas graves. No lugar falan de como mellorar a seguridade nun tramo en que, pola normativa, non hai a posibilidade de marcar un paso de peóns.

"Os atropelos que houbo nos últimos anos non foi ningún debido a velocidade excesiva. Son descoidos", di  Manuel.

Belén sinala que "estamos a pensar en solicitar unha glorieta aí enriba ou ben un radar fixo, algo que obrigue a frear na condución".

Recoñecen que a actitude dos peóns á hora de atravesar a calzada non sempre se rexe pola prevención e a seguridade viaria, polo que o risco sempre sería menor se todos os coches e camións transitasen sen superar o límite de velocidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade