Claudio Giráldez: "O club sabe que quero seguir aquí, sempre o quixen"
O técnico do Celta desvía o foco da súa figura e céntrase no protagonismo dos xogadores
Claudio Giráldez pasou onte á noite polos micrófonos da Radio Galega, no programa Ao contraataque, para analizar os seus primeiros días á fronte do banco celeste:
“É un soño feito realidade, estou a gozar moitísimo. Como xogador nunca cheguei a estar en categorías profesionais, así que estou moi contento de poder cumprir este soño despois de formarme e pelexar”, sinalou.
Sobre o seu futuro foi moi claro.
“Eu quero estar aquí o ano que vén, quero estar o maior tempo posible. O club sabe que é a miña prioridade. Quero estar centrado no futbolístico, estou centrado na cabeza e nas pernas dos meus xogadores”.
O novo técnico celeste asegura que ten 1.200 mensaxes de WhatsApp sen ler, e recoñece que un dos que lle fixo maior ilusión foi o de Coudet, con quen forxou unha gran relación durante a etapa do arxentino en Vigo, que se mantén a día de hoxe. Tamén se referiu á defensa, onde está a poñer o foco durante estes días de traballo:
“Estamos con seis sesións, buscando esa maneira de xogar. No plano defensivo é unha adaptación grande para o xogador, ter que adaptarse tan lonxe da portería”, explicou Giráldez, que asegurou estar moi contento coa actitude do equipo.
Tamén lle preguntaron sobre o mal partido de Unai Núñez:
“A responsabilidade dos erros é miña polo que expoño e como entendo a maneira de xogar. Temos xogadores para defender así e Unai Núñez é o primeiro. É un proceso de adaptación”, sinalou.